Mel online dunha albariza centenaria

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARRERA LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

O lucense Hugo Santín traballando nas colmeas do cortín
O lucense Hugo Santín traballando nas colmeas do cortín

Un lucense de 28 anos rehabilitou o seu cortín familiar e conta con 75 colmeas

18 nov 2020 . Actualizado a las 11:58 h.

Tódolos fins de semana Hugo Santín e a súa familia ían a Trabado, a súa pequena aldea natal en Cervantes. Ten lembranzas de neno, dos días que o seu pai pasaba traballando nas colmeas do cortín da súa casa. Conta que por moito que lles gustaba o mel, as picaduras das abellas causábanlle moita reacción á súa nai e ao seu irmán. Tamén lembra como tivo que distanciarse da aldea para poder estudar e que os seus pais traballasen en Becerreá, porque «é moi difícil vivir da apicultura». Aos 26 anos, no 2018, Hugo decidiu rehabilitar o cortín familiar e crear a marca Mel Melosa. O que comezou como unha escusa para volver con máis frecuencia ao lugar que lles gusta, agora é unha explotación de 75 colmeas con venda online. Hugo, de 28 anos, anima á xente moza a lanzarse a crear este tipo de proxectos para revalorizar o rural.

—Por que decidiu comezar o proxecto?

—Á miña familia gustáballes moito producir mel e perdemos a tradición. Vin unha forma de sacar diñeiro a fin de ano pero sobre todo de recuperar o espazo familiar e traballar entre todos. Ademais, é un produto que lle gusta moito á xente.

—Como foron os primeiros pasos?

—Pedimos unha subvención ao Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) para rehabilitar o cortín e máis unha cabana de pastoreo para usala de almacén. O proxecto solicitado foi para montar 25 colmeas e facer o envasado na propia casa que temos alí. Dentro do propio cortín éntrannos 17 e o resto están a uns 200 metros.