Documentan seis novas mámoas na montaña de Lugo

la voz LUGO

BECERREÁ

Mámoa atopada no concello de Becerreá
Mámoa atopada no concello de Becerreá PATRIMONIO DOS ANCARES

Patrimonio dos Ancares os localoiza en Becerreá, Navia e Negueira grazas a antigos documentos

10 jun 2020 . Actualizado a las 10:46 h.

Entre os días 3 e 9 deste mes, integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares documentaron 6 mámoas sen catalogar nos concellos de Becerreá, Navia de Suarna e Negueira de Muñiz. Todas foron localizadas grazas á transcrición de antigos documentos.  

No Chao do Marco, na parroquia de Vilamane (Becerreá), a 950 metros de altitude, localizaron dúas mámoas cunhas medidas de 18 e 14 metros de diámetro. Aínda que foron afectadas polas repoboacións forestais con piñeiros, «o estado de conservación da de maiores dimensións é relativamente bo». As mámoas do Chao do Marco, sinala o historiador Xabier Moure, aparecen citadas en documentos dos anos 1683, 1752 e outros posteriores. Na paraxe había, ao menos, 16 mámoas, na actualidade, con estas recentes, só quedan 5. 

Entre as parroquias de Quintá de Cancelada e Vilaiz (Becerreá), a 550 metros de altitude, no monte coñecido como Peneigar, documentaron unha mámoa de 21 metros de diámetro é 1,15 de altura.« Está mámoa figura como marco divisorio das parroquias citadas nos Interrogatorios do Catastro de Ensenada do ano 1752. O achado comunicámosllo á asociación Castaño y Nogal por atoparse preto da ruta do Río Donsal que dende hai anos están a poñelo en valor». 

Nos montes da parroquia de Queizán (Navia de Suarna), a 825 metros de altitude, localizaron dúas mámoas de 16 e 13 metros de diámetro. «Debido aos labores agrícolas, perderon gran parte da masa tumular en altura. Unha das mámoas figura nun documento do ano 1833».

No concello de Negueira de Muñiz localizaron unha mámoa no Pico Privafornelas, a 1.084 metros de altitude, na parroquia de San Pedro de Ernes, case no límite con Asturias. «Ten unhas medidas de 18 metros de diámetro e un de altura. Con esta, no municipio de Negueira, ata o presente, só hai catro enterramentos documentados, tres polo noso colectivo. Esta mámoa figura nun documento de lindes do ano 1875 suscrito entre veciños de San Pedro de Ernes e de Valledor, no municipio asturiano de Allande».

Estes elementos patrimoniais, cunha antigüidade duns 6.000 anos, xa llo comunicaron ao Servizo de Xestión Cultural da Xunta de Galicia para que procedan á súa inclusión no Inventario de bens patrimoniais de Galicia.