Agresión á prehistórica Cova do Furco, en Becerreá

la voz LUGO

BECERREÁ

A prehistórica Cova do Furco chea de maleza
A prehistórica Cova do Furco chea de maleza PATRIMONIO DOS ANCARES

Está catalogada desde 1991 debido a que polo menos se coñece que estivo ocupada entre os anos 700 e 500 a.C.

04 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Integrantes do Colectivo Patrimonio dos Ancares achegáronse ata a Cova de Furco, en Becerreá, para comprobar o seu estado coa finalidade de solicitar das distintas administracións públicas (Xunta de Galicia e Concello) que se acometan os traballos arqueolóxicos para determinar a antigüidade dos distintos períodos de ocupación.

«Lamentablemente, levamos unha desagradable sorpresa ao comprobar que a boca da cova foi utilizada ao longo dos anos para depositar unha enorme cantidade de lixo o que impide practicamente o acceso ao interior», relata o historiador Xabier Moure.

Este membro do colectivo patrimonial relata que nos anos trinta do pasado século XX, o mestre do Cereixal, en Becerreá, Gonzalo Martín March, e o estudante Blas Ferreiro, atoparon anacos de hasta de animais, ósos humanos e varias pezas metálicas, entre outras unha maza e un puñal de antenas de bronce que foi publicado polo historiador Ángel del Castillo no Boletín da Real Academia Galega no ano 1936, e que datou entre o 700-500 antes de Cristo. Mesmo existen referencias da presenza de pinturas rupestres.

A prehistórica Cova do Furco chea de maleza
A prehistórica Cova do Furco chea de maleza PATRIMONIO DOS ANCARES

Entre as decenas de covas existentes na comarca dos Ancares, esta de Furco, explica Moure, xunto coas de Valdavara, tamén en Becerreá, son as únicas onde se ten documentado a presenza humana na prehistoria o que as fan especialmente importantes. Ademais, a cova está catalogada por Patrimonio dende o ano 1991 polo que goza de protección.

A principios do ano 2000, a Consellería de Industria ditou unha resolución pola que se fixo pública a declaración de impacto ambienal do proxecto da canteira de Furco onde se localizaban varias covas, establecéndose unha serie de cautelas arqueolóxicas como o control de voaduras, prohibición de explanacións e amoreamentos, etc. A explotación desta canteira xa provocou no seu momento a destrución total dun dos castros máis espectaculares, pola súa tipoloxía, da comarca dos Ancares; polas fotos do voo americano dos anos 1956-57 sabemos que era de forma elíptica, cunha lonxitude de 170 metros e unha anchura máxima de 75, apreciándose unhas potentísimas murallas.

«Xa preparamos un informe dirixido á Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e ao Concello de Becerreá para que se proceda á retirada do lixo, solicitándolle tamén que se acometan os traballos arqueolóxicos para estudala e poñela en valor».