Os enxeñeiros de Galicia lembran a Ana María Prieto, pioneira da informática en España

BECERREÁ

ALBERTO LÓPEZ

Falecida o pasado ano en Becerreá, recibirá este mércores unha homenaxe en Santiago

05 mar 2019 . Actualizado a las 19:07 h.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) recoñece a transcendencia para a profesión do labor da primeira programadora galega, Ana María Prieto López, que faleceu en xuño de 2018 en Becerreá aos 76 anos de idade. Con motivo do Día Internacional da Muller, o CPEIG celebra hoxe en Santiago un acto conmemorativo na Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC.

En nome da homenaxeada asistirán ao evento o seu viúvo Antonio García López e a súa filla Clara Iria García Prieto que recibirán das mans do presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a primeira figura institucional do Colexio profesional. Participarán tamén no acto o director da ETSE, Antonio Mosquera; o ex director do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e vogal do CPEIG, Javier García Tobío; e o xornalista e autor do libro «A historia da informática de Galicia. Unha cronoloxía», Henrique Neira. Ana María Prieto López (Santiago, 1942- Becerreá, 2018), foi a primeira programadora galega da que se tivo constancia.