«O fácil era irme con Manolo, pero estaba de recheo»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

BECERREÁ

ALBERTO LÓPEZ

A voceira do PSOE en Becerreá, Ana Rubinos, entende que a política «non son cargos senón proxectos que defenden compañeiros»

04 nov 2018 . Actualizado a las 22:16 h.

Ana Isabel Rubinos xa é a única edila que lle queda ao PSOE en Becerreá logo da expulsión do partido do histórico Manuel Martínez e a marcha con el de seis edís. Recentemente formouse a nova executiva local do PSOE, con Carlos Pereira como secretario local e Ana Rubinos como secretaria de organización. Aínda non se sabe se será a contrincante de Martínez, da que formou parte do seu equipo desde o 2007, pero ela explica que deu un paso ao fronte por convicións.

-Por que se meteu en política?

-Metinme por ilusión, por mellorar Becerreá, para que se xerara emprego, que a xente nova se quedara na comarca e poder terminar a vida laboral no municipio, e que así haxa continuidade. Non se fai nada para fixar poboación nova. Non hai ilusión na xuventude, a súa idea é marchar de alí. A maioría dos pensionistas cobran uns 600 euros de media e iso só dá para gastos mínimos. É imposible que se xere dinamismo. Os autónomos están contando os días para xubilarse, traballan o dobre para ganar a metade. Creo que todas as Administracións deberían arrimar o ombro e sentarse e aparcar as siglas e loitas para fixar poboación nova e que haxa ilusión e dinamismo.

-Por que foi na lista de Martínez?

-Fun nas listas de Manolo cando era perdedor, cando ninguén quería ir con el, no 2007. Agora creo que podo facer política, porque antes había quen a facía por min. Por iso me defraudou. A política é boa, pero as persoas facemos mal uso da política. Ata agora ía de recheo nunha lista electoral... Cando estás nunha agrupación política, sindical, nunha anpa... se son varias persoas para participar nun proxecto, haberá que escoitalos a todos, e ao final ten que haber un líder que decida se todos non nos poñemos de acordo. Eu notaba que non tiñan a mesma validez do que pensábamos algunhas persoas. Sentinme como de recheo.

-Desde que se produciu a ruptura, como é o seu trato cos antigos compañeiros?

-Ben, séguenme falando, sen problema. Para min son os meus compañeiros no trato, pero creo que os están utilizando. Ninguén ten que pensar que é o embigo do mundo, Becerreá seguirá con ou sen Manolo Martínez, con ou sen Ana Rubinos.

-Ten medo?

-A xente dime que ir nunha lista diferente da del é ser unha valente. O fácil era irse con el, e o difícil é ir agora comigo. Vamos, estou aquí non porque a miña familia estea a tirar bombas de contentos. Pola maneira de ser que teño eu, a min todo isto pásame factura emocionalmente. O outro día chamoume unha persoa que quería falar comigo, pero non quería que nos visen xuntos. Isto xera nerviosismo, estrés, preocupación. Eu non teño necesidade de todo isto, pero a postura fácil miña era deixalo, irme sería o cómodo. A xente inda que valoran este paso, porque demostrei que teño personalidade, que non son «palmera» de ninguén, que non lle debo nada a ninguén... en «petit comité» o valoran, pero publicamente cóidanse, porque teñen a Manolo idolatrado.

-Defraudouna Martínez?

-Actuou con egocentrismo. Eu por encima de todo, nin principios, nin valores, nin compañeiros. A política non son cargos, son proxectos dun grupo de persoas que loitan por ideas comúns, e se eu non podo ser a líder e estou con compañeiros pero hai alguén tan válida ou máis, eu vouno apoiar, pero espero que me teña en conta para facer as cousas. Eu participe na política con el, e fixo cousas boas, pero o problema é que non se falaba no grupo. Había unha persoa que tomaba ela soa as decisións.

-Falou con el?

-Só lle dixen que tomara unha decisión de que non ía continuar con el na súa nova etapa, e díxome que ole por min. Se non tivera ideas de esquerdas non houbera ido con Manolo. Coñecido no colexio como director. Non sei como funcionaba dentro do centro, pero o contacto cos pais foi excelente, e a min persoalmente axudoume moito co meu fillo, e iso non se esquece.

-Irá encabezando a lista?

-Non está decidido, será por consenso. Teño ilusión por participar nun proxecto para Becerreá.

ALBERTO LÓPEZ

-E que necesita Becerreá?

-Ilusión, dinamismo, que se abra a residencia. Gustaríame estreala como traballadora, porque estou formada para iso, pero a este paso será como usuaria. Becerreá debe ser cabeceira de comarca: xulgados, urxencias, instituto, notaría, rexistro propiedade... hai que loitar porque todo isto permaneza e mellorar as dotacións.

-Como entende a política?

-A política é un servizo publico, non debe de ser personalista. Ten que estar ao servizo de todos e creo firmemente nos servizos públicos. Logo están as liortas, que non entendo. Por exemplo, a candidata do BNG, Sabela, é prima carnal do meu marido, a madriña da miña nena, e non deixa de ser unha queridísima persoa e respectable porque defenda outro proxecto político. Pero hai xente que non o respecta, que ou estás comigo ou contra min. Eu non vexo aos do PP como inimigos, pero ás veces votan en contra iniciativas que serían boas para Becerreá porque lles marcan a política desde arriba. Eu o outro día votei a favor dunha propostas do PP porque era bo para o municipio. É absurdo enfadarse con alguén porque pense diferente ca ti.

-Votou sempre ao PSOE?

-Fun a mitin de González en Lugo, no pavillón municipal, e namoroume. Aquilo marcoume. Antes, con 18 anos, eu estudaba no IES Ánxel Fole. Unha amiga que estaba metida en política pediume se podía ir para unha mesa para A Milagrosa como interventora do PP e que me pagaban 10.000 pesetas. Eu contenta e aqueles cartos víñanme xenial para mercar a roupa que quería de moza. Pero ollo, nin fun militante, nin coñecín a Cacharro, nin fun á sede do PP... E non volvín a saber nada máis deles, nin se me espera. Incluso a miña amiga desvinculouse do partido.

-Teme que lle boten en cara este pasado?

-Manolo deulle a Deputación ao PP. Eu son socialista e os meus feitos o demostran, como saben os que me coñecen.