Despedida de A Pipa tras 26 anos de certames literarios

Afonso Becerra TRIBUNA

BECERREÁ

Gabriel Tizón

26 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Estimadas/os amigas/os:

Quero comunicarvos que, por razóns principalmente persoais, non vou organizar o que viría a ser o XXVI Certame Literario A Pipa da Alta Montaña Luguesa 2017, nin a XXVI Noite Poética. Van moitos anos, concretamente desde setembro de 1988, organizando pequenas actividades relacionadas coa escrita, a literatura e o teatro. Daquela, cando vivía en Becerreá, para min era algo necesario, imprescindible, porque na nosa vila natal non había ningún aliciente para a xente nova que gustabamos das artes.

Despois, por fidelidade e querenza, seguín mantendo esas dúas iniciativas (Certame & Noite Poética) ao longo dos anos. Non obstante, para min, hoxe, xa non ten o mesmo sentido continuar esta tradición. Creo que é o momento de parar.

Por que? Cada vez teño máis traballo acumulado relacionado co meu ámbito profesional, que é o das artes escénicas, e non dou feito. As vacacións de Nadal son 2 semaniñas. As actividades d’A Pipa cómenme, cada ano, a primeira semana desas vacacións e, tamén, o tempo previo de preparación (convocatoria do Certame Literario e do Xurado; contacto coa imprenta para cartaces; comunicación actividades a medios de comunicación, institutos etcétera; preparación proxecto para a subvención da Deputación e do Concello; xestión dos traballos recibidos do Certame Literario, que case sempre son un cento. Pago facturas. Xustificación das 2 pequenas subvencións, etcétera.; viaxes a Lugo para o tema dos premios e convites...).

FERNANDA FOLLANA

Debo confesar que tamén inflúe nesta decisión persoal o feito de que, en Becerreá, o Bingo de Nadal ou calquera paparota sigan tendo máis aceptación popular que as Noites Poéticas.

Nestes case 30 anos o balance non é negativo, porque tanto o Certame Literario como as Noites Poéticas teñen un prestixio dentro do eido cultural de Galiza.

Porén, como ben sabedes, acoden as persoas que gañan algún premio do Certame, amizades do/a escritor/a homenaxeada/o e unha pequena porcentaxe de becerrenses. Isto, dalgún xeito, vén a demostrar que as actividades d’A Pipa, relacionadas co teatro e a literatura, alén de formatos populistas conservadores, non acabaron de callar entre o pobo de Becerreá. No sei se me equivoco no diagnóstico, pero é a miña percepción. E esta percepción, dalgunha maneira, tamén vén a influír na miña decisión. Por último, o detonante, que non é a principal razón, pero si foi o detonante, ten que ver con que a principios de novembro eu non atopei que a Deputación tivese aínda publicadas no BOP as bases das Axudas para as Asociacións Culturais. A estas alturas, na conta bancaria da Caixa Rural temos uns 10 euros. Organizar Certame e Noite Poética e, despois, ter que estar pendente para pagar as facturas é un desacougo e un rollo que non me apetece nadiña.

Do mesmo xeito, co Concello de Becerreá tampouco movemos nada. Eu esquecinme e desde o Concello, malia os anos, tampouco hai ninguén que se acorde do tema d’A Pipa. Cada ano, resulta máis complicada a tarefa de xustificar a pequena subvención do Concello. Ata o punto de que o ano pasado volvinlle a insistir ao alcalde e ao concelleiro de cultura que preferiamos non recibir subvención e que o Concello pagase directamente as facturas das actividades, dentro duns límites económicos previamente acordados. Ou sexa, nós organizabamos as actividades e o Concello pagaba e xestionaba a cuestión económica, dentro dun orzamento previamente acordado. Pero a cousa quedou sen resolver. Eu ando a mil asuntos relacionados coas artes escénicas e tampouco tiven a cabeza libre para estar chamándoos e tratando o asunto. Total, que o papeleo e a burocracia tamén influíron na miña decisión.

Por que vos dou todas estas explicacións? Pois porque desexo compartir con vós as causas que me levan a tomar esta decisión, que para min, á par que liberadora, resulta dolorosa e triste. Hai moitos anos que, por amor e fidelidade, mantiven isto e poñerlle fin tamén custa. E non podo coller e dicir: déixoo por cuestións persoais e punto, porque isto pareceríame unha frivolidade. Por iso necesito compartir con vós, que tamén facedes A Pipa, estes motivos. Claro, o xenial sería que houbese un relevo xeracional. Pero ao non estarmos, os que facemos isto, vivindo na vila, tampouco é fácil contaxiar esta paixón e pasar o testemuña.

Quero darlle as grazas a todas as persoas que nos acompañabades cada ano nas actividades que organizabamos polas datas do Nadal e, moi especialmente, ás miñas compañeiras e compañeiros d’A Pipa: Marta de Sinllán, Sabela Pérez, Rafa Ramos, Xesús Bermúdez Tellado, Xavier Fernández e á miña irmá Amparo Becerra. Bicos.

O aumento do papeleo e a burocracia influíron na decisión de

non seguir