A Vía Künig no pleno da Deputación

Xabier Moure

BECERREÁ

03 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

la difícil conservación del patrimonio

día 31 de maio de 2016, o deputado provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, presentou no Pleno da Deputación de Lugo unha moción para que o organismo provincial apoie a proposta do Colectivo Patrimonio dos Ancares e da Asociación Val de Torés para declarar a Vía de Künig como unha variante do Camiño Francés que, dende o alto de Pedrafita, discorría polos concellos das Nogais, Becerreá, Baralla e O Corgo, enlazando na cidade de Lugo co Primitivo procedente da Fonsagrada. Esta variante foi descrita polo monxe alsaciano Künig de Vach nunha guía en alemán publicada no ano 1495.

Votaron a favor da moción o propio Manuel Martínez e os grupos do PSOE e BNG. O PP abstívose, alegando que hai que esperar a que a Xunta de Galicia se pronuncie sobre a nosa proposta. Sen entrarmos noutras consideracións, cremos que a aprobación desta moción pode ser un paso importante para a resolución favorable do expediente. O que non entendemos moi ben é a abstención do PP, sabendo ademais que os alcaldes deste partido na comarca amosaron a súa total colaboración. Por razóns obvias, cando se precisan os apoios é agora, non cando o pan saia do forno.

Xa temos previstas algunhas accións inmediatas para promocionar a variante que consistirán na realización de varias andainas. As primeiras faranse dende o Alto de Pedrafita a Doncos, de Becerreá a Penamaior e de Baralla a Sobrado do Picato.

http://arqueoloxiadosancares.blogspot.com.es/