Deputación e Concello de Becerreá impulsan a quinta Festa de exaltación dos produtos do mar na Montaña

La Voz / Lugo

BECERREÁ

O certame celebrarase do 5 ao 7 de decembro en Becerreá e Baralla

03 dic 2012 . Actualizado a las 15:01 h.

Deputación de Lugo e Concello de Becerreá presentaron hoxe a quinta Festa de exaltación dos produtos do mar na Montaña. Celebrarase do 5 ao 7 de decembro en todos os establecementos hosteleiros de Becerreá e en tres de Baralla. O produto estrela será o mexillón, do que se repartirán uns 2.000 quilos. Os bares e restaurantes participantes ofrecerán ducias de preparacións diferentes deste molusco. O deputado provincial e alcalde de Becerreá, Manuel Martínez, destacou a importancia destas encontros «para a vida local» dos municipios nos que se celebran. O mexillón será distribuído aos locais de xeito gratuíto polo Concello.

Degustación o venres 7

O día forte da festa será o venres 7. A partires das 20.00 horas, o Multiusos de Becerreá ofrecerá a todos os visitantes unha degustación de mexillón. Para participar só é necesario retirar o prato conmemorativo, que terá un prezo simbólico de 4 euros. Está decorado coa ponte de Cruzul, un ben arquitectónico que está á espera de obter a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC). Haberá xogos infantís e música cun dúo.