Isabel Calvete: «A loita pola igualdade ten que estar presente na educación»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

BARALLA

Isabel Calvete, en Cervantes
Isabel Calvete, en Cervantes ALBERTO LÓPEZ

A federación de Anpas de Lugo organiza o concurso «Pinta coas gafas lilas» para celebrar o Día da Muller

11 feb 2021 . Actualizado a las 13:58 h.

A Fapacel (Federación Provincial de Anpas de Centros Públicos de Lugo) organiza o concurso «Pinta coas gafas lilas», para conmemorar o Día da Muller, o 8M. Isabel Calvete é a presidenta da federación.

-Por que este concurso?

-Decidímolo convocar porque pensamos que algo tiñamos que facer para reivindicar o 8M, estando tan limitados polas actuais circunstancias, non temos outro xeito. É un ano tan raro o que estamos a vivir que esta é unha maneira de intentar conseguir un pouco de normalidade e non perder de vista certos temas que son bastante graves, porque a igualdade ten que ser un feito na educación. Pretendemos facer partícipes desta reivindicación tanto ao alumnado como ás familias. A igualdade é unha teima da federación e non podemos perdela de vista; a loita pola igualdade ten que estar presente na educación e na vida diaria, e non entendemos un futuro sen igualdade. Por outra banda, na federación sempre organizamos obradoiros e charlas para as familias sobre este tema, e sempre está na programación das actividades da nosa federación. Consideramos que a nosa labor como nais e pais é educar ás nosas fillas e fillos nunha sociedade moito máis igualitaria; esperemos que nun futuro máis ben próximo non teñamos que falar de machismo nin de feminismo, que a igualdade se dea por feito.

-En que consiste o concurso?

-O concurso vai dirixido a todas as nenas e nenos das Anpas asociadas. Temos varias categorías, dependendo das idades. E consiste en que nos manden un debuxo, unha pintura, unha caricatura... de como interpretan eles o Día da Muller, e haino que enviar ao correo da federación. Pretendiamos facer a entrega de premios na asemblea xeral da federación, en abril, se podemos ser, presencialmente, senón xa argallaremos o xeito de facelo. O obxectivo é que interioricen a importancia dese día.

-E que o fagan de xeito plástico, porque ás veces pode ser moi potente a forma de interpretar das crianzas.

-Claro, iso é o que pretendemos. E todo o que pretendemos formar para futuros cidadáns ten que formarse desde a infancia, sen dúbida. A igualdade ten que tratarse desde pequeniños.

-Cales son os premios?

-Poden participar socios das setenta Anpas asociadas de toda a provincia. E temos varios obsequios, para o que colaboran con nós a Plataforma Feminista e o Observatorio para a Igualdade.

-O tema do transporte escolar está de actualidade. Hai moitas reivindicacións que chegan á Fapacel, sobre todo desde centros do rural, verdade?

-Si, realmente o tema do transporte leva anos complicando a vida dos colexios, condicionando os horarios. En Baralla levan desde o 2019 intentando cambiar o horario a xornada única e unha vez tras outra Transportes denegouno, unha cousa que non ten sentido porque sempre falamos de que o benestar dos nenos é a prioridade, non ten sentido que unha empresa de transporte, ou dúas ou as que sexan, condicionen a vida dese colexio nin a vida familiar. Teranse que adaptar ás necesidades dos nenos e ao benestar dos nenos.

-Segue o problema do colexio de Baamonde, do Courel... unhas loitas nas que as Anpas presionan para lograr un ensino de calidade no rural.

-O tema de Baamonde non ten sentido ningún. Que pechen un colexio, con todo o que implica facelo, e coa oposición de todos os pais, non ten sentido. É un cole con trinta nenos, é vida para o pobo, os pais non queren que o pechen, eses nenos están nese cole. A realidade, tanto de Navia, coma de Baralla, coma de Chantada, coma do Courel... é que estamos fartos no rural de que nos estean quitando cousas, unha tras outra.