«Os naipes critican aspectos da vida cotiá das mulleres que non están visibilizados»

María Doallo Freire
maría doallo OURENSE / LA VOZ

BARALLA

MIGUEL VILLAR

A ilustradora creou a personaxe humorística e reivindicativa La Chica de la Pisa

03 mar 2020 . Actualizado a las 13:18 h.

Antía Alberte naceu en 1994 e chegou a Ourense cando tiña dezasete anos, coa intención de estudar o grao de Ciencias Ambientais. Gustoulle tanto a cidade que decidiu alongar os seus estudos todo o posible: «Fixen un mestrado, sempre grazas a meus pais, que me permitiron seguir estudando. Aí descubrín que había en Ourense unha escola de arte e non o pensei dúas veces». Parte pola súa formación e parte polo seu enxeño persoal creou unha personaxe reivindicativa e feminista, La Chica de la Pisa, e agora acaba de lanzar a súa propia baralla de cartas.

-Como creou a personaxe de La Chica de la Pisa?

-Pois ocorreu hai tres anos, no 2016, a través dun proceso depresivo. No estado no que me encontraba comecei a debuxar, algo que non facía dende que era moi cativa. Eu escribía poemas e textos e acompañábaos desta personaxe, que ten unhas características moi similares a min. A Chica é unha reivindicación das mulleres. Con ela pretendo dar visibilidade a determinadas trabas coas que nos encontramos: os tabús da menstruación, a obriga de depilarnos, a necesidade de estar sempre ben e contentas... pero sempre utilizando o humor como base para contar as cousas. Para levar a cabo toda a crítica que quería necesitaba a unha muller non normativa, e ao final decidín pórme de exemplo. Parece unha parvada, pero eu teño o pelo rizado e sempre sufrín moita crítica na miña vila por este motivo, así que decidín reivindicalo. Nos inicios a personaxe era eu, facíame fotos e logo debuxábame, pero despois comecei a estudar ilustración na EASD Faílde e dende aí mudou e evolucionou, ata que neste momento xa vai por libre.

-Como se lle ocorre facer unha baralla de cartas?

-Estaba traballando en Entrimo e quería facer máis cousas con La Chica de la Pisa. Puxen a copa menstrual e marchei a comer. Ao rematar estaban os vellos xogando a partida e vin o as de copas, veume un recordo á cabeza e pensei: «iso é unha copa menstrual». A baralla ocorréuseme así. Con ela, o que pretendo é criticar certos aspectos da vida cotiá das mulleres que non están visibilizados, como os pelos nas pernas ou a regra, mesturados coa reivindicación do uso do galego ou do coidado do medio ambiente. As sotas son un bicho que representa a depresión, a Chica e el son amigos pero tiveron que pasar un proceso moi longo para comprenderse o un ao outro.

-E o proceso de converter a idea nunha realidade?

-Cheguei á casa e púxenme a traballar sobre a idea, quería parodiar cada pau da baralla. Falei cos meus profesores da materia de Proxectos e a eles entusiasmoulles. Fixen as ilustracións en papel e os deseños, logo pinteinas en dixital e maquetei e preparei todo. Os prezos de impresión eran moi altos, así que tiven que facelas pola miña conta. Por agora levo vendidas 150 barallas e agora xa as rematei, pero teño a intención de levalas ao seguinte nivel e imprimir moitas, arredor de 300 máis, buscando tamén o xeito de que a calidade sexa mellor, profesionalizalas, cun formato de presentación tamén moi personalizado e coidado. A nova remesa estará lista de cara ao Nadal.

-Cal é o seguinte paso?

-Pois sigo facendo viñetas humorísticas coa Chica. De cara a un futuro quero sacar algúns artigos de promoción, como cuncas, camisetas..., e teño pensado facer un álbum ilustrado, que é coma un cómic pero contando a historia a través de debuxos moi grandes con menos texto. É un proxecto moi grande, así que vai pouco a pouco.

DNI. Baralla de cartas de La Chica de la Pisa.

quen é

DNI. Antía Alberte naceu en 1994 na pequena localidade de Palmeira, en Ribeira. Trasladouse á cidade de Ourense para estudar a carreira de Ciencias Ambientais e xa non se quixo ir máis. Aquí ampliou a súa formación académica, dirixida directamente ao mundo da ilustración e a arte.

Baralla de cartas de La Chica de la Pisa. Os naipes representan distintos aspectos criticados na vida das mulleres: as copas son copas menstruais, os cabalos están representados coa Chica subida nun home, os ouros son pizzas e as espadas son láminas de afeitar.

«Coleccionistas pedíronme facer unha baralla específica de maxia»

Aínda que ata o momento Antía encárgase de toda a produción e o financiamento das súas barallas, despois de ter vendidas 150 en só un par de meses, agora xa pensa en dar un paso máis e producir a maior escala. «Faláronme de facer un crowdfounding para acadar o diñeiro necesario e que a baralla chegue a todos os que a queren. Ademais de galegos, aos que lles agradezo moitísimo o seu apoio, teño compradores de distintos puntos de España: de Valencia, de Madrid ou do País Vasco, e queren máis», explica.

Non só iso: tamén recibiu xa ofertas para facer barallas específicas en distintos temas, como o da maxia. «Coleccionistas de barallas e ilusionistas pedíronme facer unha específica para a maxia, que lle falte unha carta que teñan que atopar. Gustaríame moito», engade.