Melina Fernández: «Este conto é unha ferramenta para traballar con nenos o medo e os seus efectos»

Esta escritora barallesa e mestra de educación infantil acaba de publicar o seu primeiro libro, «Hospital de San José», que mestura ficción e realidade


Lugo / La Voz

Cando Melina Fernández Moreira (Neira de Rei, Baralla, 1986) acompañou ao seu irmán e a unha amiga á rodaxe dunha curtametraxe no Hospital de San José, que acababan de pechar en Lugo, non imaxinaba que esa experiencia sería o xerme do seu primeiro libro, precisamente co título Hospital de San José, «un lugar cun pasado controvertido máis tarde reconvertido en hospital para chegar a ser abandonado á súa sorte», segundo se resume no argumento da obra. Trátase dun conto de medo dirixido a nenos de primaria e editado por Babidi-Bú (colección Wooobooks) e ilustrado por Javier Fernández. Sairá á venda a mediados de maio en toda España e Latinoamérica. Segundo explica Melina Fernández, directora do PAI (punto de atención á infancia) de Baralla e mestra de Educación Infantil, este conto trata «o medo ou os efectos que os medos teñen en nós».

-Como xurdiu a idea de escribir este conto?

-Cando estaba preparando a programación das oposicións, decidín crear un conto para cada unidade didáctica. Este conto escribino como unha ferramenta para traballar con nenos o medo e os seus efectos. O libro ten unha parte de ficción e outra de realidade, baseada en cando acompañei a meu irmán e unha amiga á rodaxe dunha curtametraxe no Hospital de San José, que acababan de pechar. Alí percorrín as instalacións, con escasa iluminación, e quedei bastante impresionada. Finalmente, decidino publicar.

-Cre que faltan ferramentas para tratar na infancia temas coma o medo?

-Si, hai temas tabús para os que non hai moitos recursos. Precísanse ferramentas para traballar cos nenos cuestións como o efecto dos medos, a ausencia de familiares...

-Publicará máis contos?

-Teño previsto facelo. A min sempre me gustou escribir e xa teño outro proxecto en marcha.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
1 votos
Comentarios

Melina Fernández: «Este conto é unha ferramenta para traballar con nenos o medo e os seus efectos»