Sae á luz un machado neolítico dun enterramento en Baralla

Tíñao gardado na súa casa de Neira de Rei un veciño que o atopara hai vinte anos xunto á igrexa de San Martiño


lugo / la voz

A procura das pezas que conforman o noso pasado como pobo moitas das veces atópanse por unha combinación de causalidades, investigacións a pe de campo e ao cariño dos veciños onde se atopan os restos.

Un exemplo disto é a noticia coa que se atoparon esta fin de semana os integrantes do Grupo de Acción Cultural Patrimonio dos Ancares cando foron invitados á casa natal de José Ángel Fernández Revaldería, Roldán, un veciño de San Martiño de Neira de Rei (Baralla) «para que lle botaramos unha ollada a unhas figuras gravadas dunha das pedras que forman parte da porta da súa casa, en ruínas», explica Xabier Moure, do colectivo patrimonial.

E falando sobre diversas cuestións, Moure indica que lle preguntaron se tiña noticia dalgunha mámoa na zona, foi cando o veciño lles falou «dunha pedra moi curiosa» que atopara hai uns vinte anos a un quilómetro da igrexa de San Martiño, preto dun monte que se ergue por riba da aldea de Mazos, «nunha gabia aberta polas fortes chuvias daquel ano».

Relata Xabier Moure que cando viron a pedra souberon no momento que estaban ante unha peza de valor. Trátase dun machado neolítico, o segundo lítico que se atopou ata o de agora nos Ancares. O primeiro era dos anos setenta no século XX, atopado por José Luis González nunha pedreira da aldea de Padornelo, en Cervantes, e doado ao Concello no 2012.

Moure sinala que ata finais do século XX «todas as publicacións falaban da ausencia case total de enterramentos megalíticos (mámoas) no macizo montañoso oriental da provincia de Lugo. Na actualidade xa se levan documentado 70.

7.000 ou 8.000 anos

Moure sinala que os machados deben ser incluídos no horizonte máis antigo do Neolítico, periodo que abrangue, aproximadamente, dende o 6.000 a.C. ao 2.800 a.C. Para o historiador lucense o machado de Baralla pode ter unha antigüidade de entre 7.000 e 8.000 anos. Neste caso, trátase dunha peza en forma trapeizoidal ou tendente a triangular, maior anchura e menor espesor, cunha sección transversal rectangular ou oval.

O historiador lucense apunta que o proceso de elaboración dun instrumento de pedra puída requiría de moitas horas de traballo. «Primeiro había que labrar e lascar a pedra para darlle a forma da peza que se quería facer, continuando logo co puído da superficie frotándoa contra outras rochas».

No caso da atopada en Baralla, «polas pequenas dimensións da peza, cremos que máis que se utilizada para realizar algún traballo, debeu formar parte do enxoval funerario dun enterramento», explica Xabier Moure.

O achado xa foi comunicado ao Servizo de Patrimonio Cultural en Lugo.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
18 votos

Sae á luz un machado neolítico dun enterramento en Baralla