Nace unha nova experiencia de ocio: viaxar cunha «máquina do tempo»

A produtora lucense Microsoños porá en marcha o día 22 en Baleira a primeira «filmersión», que permite aos participantes protagonizar un filme

A primeira experiencia de «filmersión» está relacionada co Camiño de Santiago
A primeira experiencia de «filmersión» está relacionada co Camiño de Santiago

Lugo / la voz

Unha nova experiencia de ocio verá a luz en Baleira o próximo día 22 de agosto: a posta en marcha dunha «máquina do tempo» coa que os participantes poderán gozar dunha «filmersión», é dicir, mergullarse nun filme, compartindo espazo con personaxes interpretados por actores profesionais. Trátase dunha experiencia de turismo cultural baseada no cine inmersivo, con guións creados especificamente para esta nova arte que mestura cine, teatro, recreación histórica e moita adrenalina, e que converte ao espectador en participante da historia dunha viaxe no tempo. Os artífices desta novidosa iniciativa, que ademais está adaptada ao novo contexto post-covid, son os traballadores da produtora lucense Microsoños, que conseguiron facer realidade esta idea grazas a unha campaña de crowfunding a través da plataforma Goteo.org.

O que eles chaman «a primeira filmersión do mundo», baixo o título de O Camiño Inmersivo, estrearase en Baleira o día 22, pero a esta experiencia seguiranlle máis ao longo do ano por toda Galicia. Segundo explican desde Microsoños, as «filmersións» son un novo concepto de ocio no que o espectador tradicional dun filme se converte nun participante da historia e interactúa cos personaxes: «Contan cunha coidada ambientación, que mergulla aos participantes na época e no lugar retratados. A experiencia é filmada, dando lugar a unha peza audiovisual inmersiva».

Concretamente, as experiencias que propoñerán desde Microsoños estarán adaptadas ás normas de seguridade sanitaria derivadas da pandemia do covid-19. De feito, inclúen como parte da historia a esixencia de levar máscara, a modo de traxe para viaxar no tempo. As primeiras realizaranse en lugares de Galicia polos que pasa o Camiño de Santiago, incorporando lendas desta ruta na historia filmada: «Non se poden dar detalles, pero si que os participantes coñecerán a un científico excéntrico, a peregrinos de todas as épocas e incluso ao mesmísimo Alfonso II. Todo está suxeito á improvisación e búscase que os participantes sexan artífices dos xiros da historia, dando lugar a unha vivencia diferente cada vez que se realiza unha filmersión», explican.

Misión no pasado

Deste xeito, O Camiño Inmersivo ofrece a posibilidade de formar parte do «primeiro equipo de científicos que viaxan no tempo e de resolver no pasado un problema que ameaza o noso presente. Un xeito novidoso de vivir o cinema, no que se deixan de lado os convencionalismos do formato para mesturalo coa representación histórica e a adrenalina dunha experiencia de aventuras», continúan desde a produtora.

Para iso, contan cunha equipa de profesionais, baixo a dirección de Iago de Sant, entre eles, Mario Fernández, Suso López, Brian Rodríguez, Henrique Lamas, Vane Rivas, Mago Antón, Paula Cermeño, Fidel López, Antón García Grelo, Sabela Barcia, Lucía Anido, Rocío López, Josín Ayra, Miguel Ángel Castro, Natalia Abeledo, Pablo Tienda e Santy González.

Os que desexen participar nestas experiencias «filmersivas» poden facelo adquirindo as súas tarxetas de embarque (entradas) a través da páxina web www.camiñoinmersivo.com.

Unha campaña de «crowfunding» fixo realidade o proxecto

Unha campaña de crowfunding lanzada a través da plataforma Goteo.org permitiu que o proxecto se fixese realidade. Entre as empresas colaboradoras xa se contan Racing Dakart, Indie PR & Digital, Inside Out English Centre, Norperfil, Panadería-Pastelería Manso, Restaurante Paprica ou Desguaces Herbón. Pero aínda precisan máis apoios para acadar o financiamento óptimo co que desenvolver a iniciativa, polo que aínda é posible colaborar desde Goteo.org.

Vive Camino

Toda la información sobre el Camino de Santiago en Vive Camino

Votación
2 votos
Comentarios

Nace unha nova experiencia de ocio: viaxar cunha «máquina do tempo»