Paula Prado destaca en As Nogais as labores de prevención contra os incendios da Unidade Batracio

P. A. AS NOGAIS / LA VOZ

AS NOGAIS

Prado este xoves en As Nogais xunto ao alcalde, Jesús Núñez, outros representantes políticos e membros do Batracio
Prado este xoves en As Nogais xunto ao alcalde, Jesús Núñez, outros representantes políticos e membros do Batracio Íñigo Rolán

A secretaria xeral do PP de Galicia visitou o municipio, acompañada polo alcalde, para coñecer de préto as tarefas de roza e mellora de accesos que polo momento se levaron a cabo en 20 hectáreas

28 may 2026 . Actualizado a las 17:31 h.

A secretaria do PP de Galicia, Paula Prado, visitou este xoves o municipio de As Nogais para coñecer as labores de prevención e defensa contra os incendios forestais que está a levar a cabo a Unidade Batracio, do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais de Galicia. Neste contexto, a popular subliñou as «importantes melloras que incorpora a actualización do Pladiga 2026 en materia de prevención, vixilancia e tecnoloxía, extinción e en medios materiais e humanos». Neste municipio en concreto o Batracio está realizando rozas en pistas forestais, perfeccionando cortalumes e accesos a zonas de montaña. Segundo Prado, xa se actuou en arredor de 20 hectáreas.

No encontro, no que tamén participou o alcalde, Jesús Manuel Núñez, o portavoz de Medio Rural do PP no Parlamento, Miguel Ángel Viso, e outros cargos do partido na provincia, como a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, ou a deputada Encarna Amigo, a popular remarcou que «a prevención non é exclusiva da Xunta». Así mesmo, fixo un chamamento aos concellos que, asegurou, aínda non se adheriron ao convenio con Seaga de xestión da biomasa nas faixas secundarias, «co que a Xunta ofrece facilidades para que municipios e propietarios cumpran coas súas obrigas».

A número dous do PP galego supervisou as tarefas de prevención no municipio
A número dous do PP galego supervisou as tarefas de prevención no municipio Íñigo Rolán

Pola súa parte o alcalde, aproveitou para poñer en valor as tarefas de prevención que realiza a Xunta en As Nogais «con todos os seus medios». Ademais, cualificou de «moi importante» o traballo que desenvolve a Unidade Batracio no Distrito VII. «A prevención é tarefa de todos», concluíu Núñez, que goberna no municipio de forma continuada dende o ano 2011.