A agrupación Os Linces organiza os días 17, 18 e 19 de abril a terceira ruta 4x4 das Nogais, na que esperan recibir máis de 100 vehículos de diferentes características
07 abr 2026 . Actualizado a las 05:00 h.Nun municipio pequeno coma o das Nogais, onde as ofertas de ocio son mínimas, calquera proposta supón un respiro de aire fresco, tanto para os habitantes coma para os negocios locais. Por iso ten tanto mérito a ruta 4x4 que a agrupación Os Linces leva organizando tres anos. Unha proposta arriscada e aventureira que atravesa os montes dos Ancares e que reúne a centos de persoas arredor dunha paixón común: o mundo do motor. Aínda que neste caso vai aparellado tamén ao turismo, e a posibilidade de gozar dunha xornada diferente máis aló do son dos vehículos.
Os días 17, 18 e 19 de abril As Nogais acolle a terceira edición desta ruta, na que espera recibir máis de 100 vehículos entre todoterreos e buggies, procedentes de diferentes partes de Galicia e tamén doutras como Asturias ou Cantabria. Está organizada polos Linces coa axuda do Concello, da Deputación e da Xunta e coa colaboración da comisión de festas das Nogais.
O venres pola noite será a benvida na localidade e para o domingo preparan novidades, pero o sábado é o día grande. Comeza coa entrega de documentación e remata cunha gran festa no polideportivo aberta ao público, con premios e sorteos.
Detrás dun evento coma este hai moitas horas de esforzo e moitas anécdotas curiosas. Os Linces, que agora funcionan como asociación, naceu nos anos 90 nunha comida entre amigos que decidiron unir forzas para compartir afeccións.
Agora son uns 30 socios —entre eles hai varios membros das mesmas familias— que dedican moito do seu tempo libre a organizar un evento especialmente complicado a nivel loxístico. «O que máis nos custa é encontrar colaboradores e conseguir os permisos», contan. «Todo o demais tamén é difícil, porque é moi custoso, pero temos a vantaxe de que coñecemos moi ben o monte», engaden. Esta ruta, segundo explican, comeza a prepararse xa no mes de novembro, porque as tarefas van dende a sinalización e a roza de camiños ata a xestión das inscricións, que se abriron no mes de marzo.
Ademais, os organizadores destacan a importancia da colaboración de empresarios e negocios que a fan posible e tamén dos veciños que prestan terreos para que poida levarse a cabo a ruta. «A xente pórtase moi ben e estamos moi agradecidos», conclúen.
Aloxamentos completos
O municipio énchese de xente durante esa fin de semana e iso é motivo para celebrar. De feito, todos os aloxamentos están xa completos.