Unha ruta que nace do esforzo dun grupo de amigos e que enche de vida a montaña
AS NOGAIS
A agrupación Os Linces organiza os días 17, 18 e 19 de abril a terceira ruta 4x4 de As Nogais, que reunirá máis de 100 vehículos de diferentes características e procedentes de varios lugares
07 abr 2026 . Actualizado a las 21:23 h.Nun municipio pequeno coma o de As Nogais, onde as ofertas de ocio son mínimas, calquera proposta supón un respiro de aire fresco, tanto para os habitantes coma para os negocios locais. Por iso ten tanto mérito a ruta 4x4 que a agrupación Os Linces leva organizando tres anos. Unha proposta arriscada e aventureira, que atravesa os montes de Os Ancares, e que reúne a centos de persoas arredor dunha paixón común: o mundo do motor. Aínda que neste caso vai aparellado tamén ao turismo, e a posibilidade de gozar dunha xornada diferente máis aló do son dos vehículos.
Os días 17,18 e 19 de abril As Nogais acolle a terceira edición desta ruta, na que esperan recibir máis de 100 vehículos entre todoterreos e buggies, procedentes de diferentes partes de Galicia e tamén doutras como Asturias ou Cantabria. Está organizada polos Linces coa axuda do Concello, da Deputación e da Xunta, e coa colaboración da comisión de festas de As Nogais. O venres pola noite será a benvida na localidade e para o domingo preparan novidades, pero o sábado é o día grande. Comeza coa entrega de documentación e remata cunha gran festa no polideportivo aberta ao público, con premios e sorteos.
Detrás dun evento coma este hai moitas horas de esforzo e moitas anécdotas curiosas. Os Linces, que agora funcionan como asociación, naceu nos anos 90 nunha comida entre amigos que decidiron unir forzas para compartir afeccións. Agora son uns 30 socios —entre eles hai varios membros das mesmas familias— que dedican moito do seu tempo libre a organizar un evento especialmente complicado a nivel loxístico. «O que máis nos custa é encontrar colaboradores e conseguir os permisos», contan. «Todo o demais tamén é difícil, porque é moi custoso, pero temos a vantaxe de que coñecemos moi ben o monte», engaden. Esta ruta, segundo explican, comeza a prepararse xa no mes de novembro, porque as tarefas van dende a sinalización e a roza de camiños ata a xestión das inscricións, que se abriron o pasado mes de marzo.
Ademais, os organizadores destacan a importancia da colaboración de empresarios e negocios, que o fan posible, e tamén dos veciños que prestan terreos para que poida levarse a cabo a ruta. «A xente pórtase moi ben e estamos moi agradecidos», conclúen.
O municipio énchese de xente durante esa fin de semana e iso é suficiente motivo para celebrar. De feito, todos os aloxamentos están xa completos.
O programa
O evento dará comezo o venres 17 coa benvida dos participantes e a entrega de documentación, que continúa ao día seguinte. O sábado 18 ás 8.30 sairá o primeiro participante, as 10.30 terá lugar un café campestre e as 15.00 a comida na praza co restaurante Rivera. A ruta remata ás 20.00 horas e as 22.00 será a cea no pavillón co cátering La Allandesa. Despois haberá premios, sorteos para todos os participantes e música coa disco móbil DBC. O domingo 19 hai novidades. Unha miniruta que non se fixera ata o momento, pero que os participantes levaban tempo demandando. Será un percorrido polos arredores de As Nogais para finalizar cunha comida tamén no pavillón.