«Defender o rural é loitar pola miña vida»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

AS NOGAIS

Laura é unha apaixonada da escritura e da lectura dende que era pequena
Laura é unha apaixonada da escritura e da lectura dende que era pequena Carlos Castro

Laura Pardeiro ten sangue de escritora e narra as súas vivencias no blog 'Leiras e Marcos'

16 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Laura Pardeiro ten 25 anos, naceu en As Nogais e é psicóloga. Nestes intres traballa como monitora nun campamento para nenos en Becerreá. Hai dous anos creou Leiras e Marcos, un blog no que recolle a súa experiencia persoal como a nena do rural que foi e que sempre será. Nel, atrévese cas entrevistas e aposta por falar da vida diaria. É unha invitación a descubrir a realidade da terra «mentres deixades que o pastor ou mastín de cruce vos garde o gando». Un atrevemento nos tempos en que os rapaces marchan traballar fóra. Pero tamén unha ventá ás formas de vida da montaña.

—E de pequena... que quería ser?

—De pequena eu quería ser moitas cousas. Particularmente, xornalista, psicóloga e profesora. A semana antes de facer selectividade, aínda non sabía que facer. A decisión tomeina en parte pola miña profesora de lingua, que me dixo que tiña aptitudes para ser psicóloga e que co que me gustaba escribir, non ía deixar de facelo nunca, xa que sendo xornalista non podería facer o que eu quería algunhas veces. Tamén che digo, se me tivese dado a nota para Xornalismo, probablemente me tería matriculado.

—Que lle gusta?

—Gústame ler e escribir dende sempre. O que máis, a novela e a poesía. A miña escritora favorita é Gloria Fuertes, pero tamén me gusta Laura Gallego.

—Por que Leiras e Marcos?

—Fíxenlle un regalo de aniversario a meu irmán cando fixo os 18, que se chama Marcos. E era unha revista que non se parecía moito ao blog que teño na actualidade. Tiña test de ruralismo e ata falaba de cal era a mellor chiruca para ir recoller as patacas. Todo facía referencia ás cousas que facíamos de pequenos. El riuse moito e encantoulle. Entón, díxome que tiña que publicalo. E así comezou todo.

—Como chega ata o blog a xente?

—Sobre todo, por redes sociais. O Facebook é o que máis tira e, co paso do tempo, vexo que vou facendo máis lectores.

—Como decide o contido?

—Pois depende. Falei de como é a cobertura sanitaria en O Courel porque é algo que me contaron, que vin e que me chega ao fondo. Outras veces, invádenme vivencias de cando era pequena e sinto a necesidade de poñerme a escribir. É un proceso de reflexión comigo mesma.

—Escribe a diario?

—Cando tiña 15 anos escribía a diario e moito. Tamén cando fixen a carreira en Santiago Agora, non o fago tódolos días.

—No blog fala en plural.

—Si, facíao ao principio porque xogaba co feito de que ninguén sabía quen era. Son extrovertida pero á vez, tímida. E nun pobo pequeno dábame algo de vergoña. Sentíame máis libre cando o blog era anónimo e decidín facelo público porque comecei a sentirme apoiada pola xente. Cando ves que o que fas gusta, deixas de sentir vergoña ou medo.

—Gustaríalle publicar un libro?

—Pois encantaríame e de feito, ando niso. Non é Memorias dun neno labrego porque a ese libro nunca se lle poderá achegar outro. É algo así como as memorias dunha nena rural.

—É unha defensora do rural.

—Defender o rural é defender a miña vida e o lugar no que quero vivir sempre. Se me falas dun rural sen servizos nin comunicacións, pois alí non podo vivir, pero si nun lugar vivo e coidado. A min encántame as vacas, pero no rural, hai moito ca iso.

—Viviría nunha cidade?

—Para min vivir nunha cidade sería moita renuncia. Non se me pasa o tempo. No rural podes facer as mesmas cousas e estás a media hora en coche. Hai xente que pensa que é imposible, pero non é así.

—Que lle diría a unha persoa que quere asentar no rural?

—Eu diríalle que vaia a unha aldea e fale ca xente que está alí. Ao mellor lle da reparo nun principio, pero é unha forma de saber o que hai. No rural, o que nos queda é crear rede entre nós.

—Como conecta a xente nova cas súas aldeas?

—Eu formo parte da asociación Abrente, na que estamos involucradas moitas persoas da miña idade. Este tipo de proxectos fan que tires cara á túa terra porque pertencer a algo que te enraíce é un factor predictivo de que te queres quedar nese lugar.

—E como foi vivir en Madrid para ti, volverías?

—Vivín alí dous anos, mentres facía o mestrado. Nunca tiven peor calidade de vida que entón. Aínda así, paseino moi ben e teño amigos moi bos desa tempada.

—Fallan cousas no rural.

—O problema que temos en Lugo son as comunicacións. Aínda non temos a autovía ata o aeroporto e estamos illados doutras zonas de Galicia.

—Está de parón.

—Levo un par de meses sen escribir porque durante o confinamento non tiven moitas ganas. Pero pronto volverei con Leiras e Marcos. O meu propósito e facer dúas publicacións por semana.

«A miña infancia é o colexio de As Nogais que tanto me gustaba»

«Cando penso na miña infancia venme á cabeza o colexio de As Nogais. Para min é o mellor colexio do mundo, e encantaríame que o centro permanecese como eu lembro e mandar alí aos meus fillos o día de mañá. Para min, foi un sitio moi especial no que me sentín moi querida e foi como estar na casa todo o tempo», explica Laura ao entrar no baúl dos recordos. Cando fixo dez anos, marchou con seus pais vivir a Filloval, onde residían os seus avós. De cando estaba en As Nogais, o que lle queda na cabeza e no corazón son recordos na escola e nas actividades extraescolares, posto que esta rapaza facía judo e baile. En Filloval, Laura ía atender o gando ca súa avoa, que aínda agora lembra os momentos nos que a súa neta era pequena e pasaba tanto tempo con ela. «Todos os recordos da miña vida están sementados de velliños e velliñas», escribe Laura en Leiras e Marcos. A infancia desta psicóloga está tamén marcada polo seu irmán Marcos, un apoio para ela, xa que mantén unha relación moi estreita.

presentación

«A vida é iso que pasa mentres nos enfociñamos cos veciños. A vida é tamén o tempo que tardamos en acender o lume cando a cociña non tira porque vai chover. Ás veces case parece que a vida sexa gardar a cola na carnicería cando veñen os de por aló (levan todo!). A vida son moitas cousas»