Unha vaga de solidariedade despois do incendio no restaurante Meiroi de Navia

María M. Guntín / M. C. LUGO / LA VOZ

AS NOGAIS

ALBERTO LÓPEZ

As mostras de cariño a través das redes anima aos propietarios do casarío a reconstruír a vivenda e o local

16 oct 2018 . Actualizado a las 23:16 h.

O sábado pola tarde o lume acabou co traballo e co fogar de José López e da súa muller, Carmen. En cuestión de minutos as lapas esgotaron o traballo e a forma de vida deste home, natural das Nogais, que se trasladou á parroquia de Mosteiro, en Navia de Suarna, para comezar un proxecto persoal: a apertura dun restaurante. Nunha contorna idílica e rodeada de natureza, no corazón dos Ancares, os propietarios de Caserío Meiroi aínda seguen conmocionados despois dun incendio que o levou todo, «casa e negocio», explica José. O lume ocasionouse por un curtocircuíto e non pola calefacción, como se pensara nun primeiro momento.

Despois do acontecido, este nogalego pensou en alugar outro local nalgún lugar veciño que lle permita seguir traballando. «Despois das chamadas de xente que me animaba a seguir teño que botarlle valor e arranxar polo menos o comedor e dous cuartos, para ter como sobrevivir», conta este home, moi afectado polo acontecido. «Viña comer xente de toda España e incluso estranxeiros», explica.

«Co ben que o temos pasado aquí, non imaxinas a pena que temos ao velo así, pero volverémolo a pasar así aínda que tardemos», conta emocionado un dos clientes habituais do Caserío Meiroi, que se trasladou ata Mosteiro para botar unha man á familia afectada. Probablemente parte do cariño que lle teñen os clientes a este local reside en que o restaurante, con capacidade para 40 persoas, utiliza na súa cociña verduras e carne ecolóxica, cultivada na horta que está a carón da casa.

Nunha reunión onte coa Xunta, José López explica que lle adiantaron que lle poderán «conceder un crédito-ponte» para poder comezar coa reconstrución. Pola súa parte, o Concello de Navia díxolle que «axudaría a quitar os escombros», que aínda están entre as paredes, que é o único que queda do casarío. Polo momento, este matrimonio vive na casa dun amigo, pero a Xunta tamén «deixou aberta a posibilidade de pagar os 150 euros do alugueiro se así o necesitamos».

O propietario tamén explica como o primeiro día que ardeu «un coche intentou entrar a roubar despois do incendio, pola noite», pero, «por fortuna, os bombeiros aínda estaban comprobando que o lume non revivía e saíron correndo».

Hai varias contas aberta para as donacións:

CAIXA RURAL: ES59 3070 0014 3715 5999 5913

BBVA: ES30 0182 1110 1902 0155 9070

ABANCA: ES35 2080 0129 6730 4000 3270