O Goberno da Deputación inviste nun ano 760.000 euros nas Nogais para infraestruturas e servizos sociais

La Voz

AS NOGAIS

Con este investimento acondicionáronse múltiples vías en núcleos rurais, mellorouse a antiga escolar taller, prestóuselle atención profesional a máis de 40 maiores e xeráronse oito novos empregos

28 oct 2017 . Actualizado a las 23:00 h.

O Executivo Provincial achegou nun ano un investimento de 760.000 euros a este municipio para o impulso de dotacións públicas e infraestruturas, así como a xeración de emprego e a mellora dos servizos sociais dos máis de 1.150 veciños deste municipio. Campos Conde explicou que con este investimento acondicionáronse múltiples vías en núcleos rurais, mellorouse a antiga escolar taller, prestóuselle atención profesional a máis de 40 maiores e xeráronse 8 novos empregos.

Para melloras en dotacións públicas, o Executivo Provincial levou nun ano ás Nogais 224.000 euros, 120.000 euros para acondicionar a antiga escola taller e a pista adherida. En relación ás melloras da escola, os traballos realizados consistiron  na construción dunha nova cuberta para poñer fin ás filtracións de auga, a pavimentación do solo; e a instalación das redes de auga e alumeado, necesarias para poder recuperar o uso desta infraestrutura. Tamén se melloraron os accesos para persoas con capacidades diferentes, da antiga escola-taller. Actualmente estas instalacións están alugadas a empresas da zona para o seu funcionamento.

Por outra banda, dotouse á pista contigua a esta infraestrutura dunha nova cuberta metálica. Actualmente este espazo é empregado polo Concello das Nogais para gardar a maquinaria municipal. A través do acondicionamento da pista, mellórase a zona do polideportivo, das piscinas e da área de autocaravanas, un núcleo turístico de importancia para o Concello.

Outros 22.000 euros, foron para a construción dun novo depósito de auga na parroquia de Filloval, beneficiando aos 100 veciños que viven na mesma, 17.000 euros destináronse á mellora da rede de alumeado público en 4 parroquias do Concello das Nogais: Noceda, A Pía, Ferreiras e Estacas. Con este investimento, instaláronse 83 puntos de luz LED, beneficiando directamente aos máis de 100 veciños que viven nestas zonas, e co que, o consistorio aforrará anualmente máis de 1.000 euros. O Executivo Provincial achegou 26.600 euros para a adquisición dun camión de lixo. Este servizo público leva funcionando dende fai un ano, beneficiando a todos os veciños do municipio nogaleño.

Impulso dos servizos sociais

O Goberno da Deputación decidiu financiar con 37.000 euros o equipamento do Centro de Día do Concello de As Nogais. Con dito orzamento, dotouse de mobiliario ao vestíbulo, ás salas de autonomía, xuntas, de rehabilitación, de terapia ocupacional e de curas. O Concello cedeu as instalacións á Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer de Lugo (Afalu) para xestionar un centro especializado para a atención de persoas que padezan esta patoloxía, así como outras enfermidades neurodexenerativas.

Melloras de 262.000 euros en camiños

O Goberno da Deputación mellorou con 40.000 euros a vía municipal de A Pedriña a Dorna por a Silvela. Os traballos, que consistiron no acondicionamento da estrada, benefician aos 200 veciños da zona. Nas vindeiras semanas rematarán os traballos de mellora de camiños en varios núcleos poboacionais das parroquias de Tore a Quintela, Doncos, Filloval, Castelo, e de Pía-Ferreiras; beneficiando aos máis de 700 veciños. Estas obras están dotadas con 71.000 euros polo Executivo Provincial.

Actualmente, o Goberno da Deputación está a arranxar a vía municipal 037-047 de Vilaicente a Torés, cun investimento de 152.000 euros. Estes traballos son moi importantes para os veciños das Nogais, pois é unha vía moi deteriorada, que empregan a diario a maioría da poboación.

Melloras de 170.000 euros en 2 estradas provinciais

Durante un ano, o Goberno da Deputación, financiou con 172.000 euros, arranxos en 2 estradas provinciais que transcorren polo Concello das Nogais. En concreto, foron melloras de 100.000 euros, na LU-P-3702, que une Nullán, no Concello das Nogais, con Lamas, en Triacastela. Os traballos, consistiron na mellora do firme con aglomerado en quente, así como a ampliación de dúas curvas moi pechadas con zahorra, para mellorar a seguridade, e a limpeza, reapertura de cunetas e sinalización da vía con pintado. Co arranxo desta vía, o Executivo Provincial beneficia directamente a uns 300 veciños desta zona, mellorando a accesibilidade entre os núcleos rurais de Nullán e Lamas, ademais de beneficiarse o sector turístico, xa que esta estrada dá acceso á casa de turismo rural máis concorrida da vila, situada en Chan do Vilar, e ao mesmo tempo comunica co antigo Camiño Real.

A outra estrada provincial mellorada polo Goberno da Deputación foi a LU-P-3701, das Nogais por Pintinidoira á LU-P-450, que une ao Concello de As Nogais con Pedrafita de Cebreiro. As obras, que contaron cun investimento de 72.000 euros. Os traballos consistiron na rehabilitación do firme; reforzo da sinalización; incremento da seguridade coa instalación de biondas e mellora do sistema de drenaxe.

8 novos empregos

As aportacións da Deputación de Lugo permitiron crear un total de 8 postos de traballo, 4 no 2016 e 4 este ano. Estes novos empregos creáronse a través do DepuEmprego e o Ben Empregado, cos que o Goberno da Deputación asume os custos laborais de novos profesionais, que traballan en empresas da zona e no propio Concello, reforzando os servizos públicos municipais. Por exemplo, a través do DepuEmprego contratáronse a 4 peóns de obras públicas, 1 oficial de primeira, 1 peón de servizos múltiples e 1 licenciado en humanidades.

Atención profesional nun ano a 44 maiores

O Goberno da Deputación destinou nun ano 50.000 euros á xeración de 85 prazas de Servizo a domicilio para non dependentes e Teleasistencia gratuíta porque a Xunta non ofrece estas prestacións. Actualmente, este investimento permite a contratación de asistentes sociais, que prestan máis de 6.000 horas de atención a 44 maiores de As Nogais á espera de novas altas este ano.

Dinamización económica e social

O Goberno da Deputación achegou 15.000 euros ao Concello de As Nogais para a realización de actividades lúdico-culturais e deportivas durante todo o ano, así como a celebración de eventos turísticos e gastronómicos. Este orzamento, permitiu organizar, por exemplo, a Feira da empanada e produtos dos Ancares, o Magosto popular, ou clases de fútbol sala, entre outras moitas actividades.