SOS Doncos, un monumento BIC que pode caer se ninguén o evita


O pasado xaneiro, gran parte da casa-torre dos Armesto, situada en Veiga de Forcas, no concello de Pedrafita do Cebreiro, veuse abaixo. Con orixe no século XV, pasaba, aparentemente, por ser un dos edificios fortificados medievais, xunto co castelo de Doiras, mellor conservados dos Ancares. Mais a realidade amosounos, unha vez máis, que non é ouro todo o que reloce: unhas pingas de auga e unhas bafaradas de vento bastaron para derrubar cinco séculos de historia. O culpable, outra volta, o desinterese polo noso patrimonio. En política, cando os datos do paro son bos, débese ao Goberno, mais cando son malos o responsable sempre é o mes (agosto por isto, xaneiro por aquilo...).

Co Patrimonio acontece outro tanto: cando se poñen en valor uns bens (que por certo, case sempre lle toca aos mesmos), a boa nova débese ao bo facer dos propietarios ou das administracións, máis cando se estragan a responsabilidade recae sobre a climatoloxía, a apertura dunha pista, un parque eólico, unha plantación ou tala de árbores, etcétera.

Das máis de trinta fortificacións medievais documentadas nos Ancares, só o castelo de Doiras e o pazo de Quindous conservan integramente, en relativo bo estado, as antigas estruturas. Outras, como o castelo de Altamira, a casa-torre de Vilameixe, a torre de Dumia, a casa-forte dos Armesto e os castelos de Torés e Doncos foron vítimas de lamentables reformas, da rapina das súas pedras ou do abandono. O resto, simplemente, esfumáronse, o que non impide que algunhas desaparecidas fortalezas aínda figuren no catálogo de Patrimonio como BIC (Ben de Interese Cultural).

Entre os castelos que aínda conservan algún vestixio do seu primitivo esplendor, hai un que merece un aparte. Trátase do de Doncos (declarado BIC en 1949), no concello de As Nogais, erixido no século XIV (algúns autores adiantan a construción ao XIII) á beira do río Navia para defender unha das entradas de Galicia e protexer aos peregrinos que se desviaban do Camiño Francés a Compostela polas Nogais, Becerreá, Baralla, O Corgo e Lugo onde enlazaban co Camiño Primitivo procedente da Fonsagrada. A finais do XIV era o seu dono García Rodríguez de Valcarce, señor de Sarracín, Corullón e Montefurado, posesións herdadas da súa nai Constanza García. Por un preito de partición de bens, custodiado na Real Chancillería de Valladolid, sábese que a última Valcarce de Doncos foi Francisca de Valcarce. A partires de aquí descoñécese a quen pasou, xa que en 1528 xa non consta entre os bens da citada familia. En 1603 figura como propietario, da xa arruinada fortaleza, Fernando de Toledo.

Reclamación no Catastro

A partires deses datos, o Concello das Nogais envioulle un escrito á Casa de Alba no que solicitaba a súa cesión e así poder acometer as necesarias obras de acondicionamento e consolidación. A sorpresa saltou cando os Alba contestaron que a torre non se atopaba entre os seus bens. Foi entón cando o Concello reclamou a súa propiedade. Cando dende o noso colectivo sacamos á luz pública no 2014 que o castelo non pertencía a ninguén, o veciño de Monforte, Antón Valcarce Losada, pediu, como herdeiro, a titularidade da torre e a finca colindante, presentando documentos históricos, xurídicos e xenealóxicos para demostrar que é o derradeiro posuidor do vínculo dos Valcarce, e asegurando que si lla recoñecían cedería inmediatamente o castelo ao Concello para o seu uso público e sen ningún tipo de compensación a cambio.

Pero o problema vai máis alá de a quen lle corresponde este ben inmoble. Mentres se resolve o expediente de dominio (que pode tardar anos), a Torre da Homenaxe cáese a cachos: as ameas e o arco interior desapareceron, da porta da entrada e dos muros desprendéronse varias pedras, unha enorme greta percorre a torre dende a parte alta ata a metade, etcétera. O insólito disto é que ninguén pode facer nada por evitalo.

A Xunta podería actuar se llo pedise o titular, pero claro, o miolo do asunto está en que polo de agora ninguén ostenta a titularidade. Se non se toman medidas urxentes, á torre de Doncos vai seguir os pasos de Veiga de Forcas. Só me queda desexar que se iso se produce non colla debaixo a ningún visitante.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
16 votos
Comentarios

SOS Doncos, un monumento BIC que pode caer se ninguén o evita