Antón Negro, sacerdote e sociólogo: «Sorprendeume a rapidez da caída demográfica nas parroquias rurais»
ANTAS DE ULLA
Negro foi homenaxeado en Monforte polos seus 50 anos de sacerdocio
12 oct 2026 . Actualizado a las 17:13 h.A Casa de Cultura de Monforte acolleu onte un acto de homenaxe a Antón Negro Expósito ( Antas de Ulla, 1953) con motivo dos seus 50 anos de sacerdocio. Licenciado en Socioloxía, exerceu como profesor no Instituto Teológico Lucense, publicou diversos libros e artigos académicos, e ata hai dous anos foi delegado de Cáritas na diocese de Lugo. Negro presentou tamén o seu libro Diálogos de esperanza no camiño da vida, publicado este ano.
—Cando comezou a exercer o sacerdocio en Galicia?
—A finais de 1985. Ordeneime como sacerdote en 1976 e despois fun cursar a carreira de Socioloxía en Madrid. Mentres estudaba na universidade fun párroco no barrio do Pilar. Regresei a Galicia despois do falecemento do meu pai e exercín como sacerdote en Monforte e en varias parroquias da Pobra do Brollón.
—Cales son os principais cambios que notou na sociedade desde que comezou a traballar como párroco?
—O que máis me sorprendeu foi a rapidez da caída demográfica nas parroquias rurais de Galicia. Como a carreira de Socioloxía comprende a demografía, polos datos demográficos que se manexaban por entón xa se podía prever que co paso dos anos habería un descenso importante da poboación. O que non imaxinei é que iso se iría producir con tanta velocidade. Hai lugares que durante este tempo quedaron sen o 80% dos veciños. Hai que ter en conta que toda a provincia de Lugo perdeu 200.000 habitantes ao longo destes anos.
—Como ve o futuro do rural galego?
—Creo que sufrirá unha transformación grandísima. Van desaparecer moitas aldeas. Por exemplo, no municipio de Pantón o número de mulleres maiores de 65 anos xa era máis elevado nos anos 2022 e 2023 que o das menores de 15 anos. A nivel demográfico é unha barbaridade. Con cifras como estas xa se ve que imos camiño da desaparición. Os poderes públicos teñen que redefinir o papel que vai ter o rural galego nos próximos anos. Claro que o descenso de poboación non é algo exclusivo de Galicia nin de España, porque está ocorrendo en moitas outras partes. Hai países que aínda teñen unha natalidade moi forte e moita poboación xove, pero que acabarán perdendo habitantes, como Brasil, India ou Arabia Saudí.
—A chegada de inmigrantes pode axudar a frear dalgunha forma o descenso demográfico?
—Iso nótase algo. En Monforte pode haber hoxe en torno a 2.000 persoas que non naceron en España. En toda España os inmigrantes son xa sobre o 20% da poboación, o que axuda a frear un pouco o descenso demográfico, pero o número de mortes é maior que o de nacementos.
—A inmigración tamén provoca un incremento da xenofobia nunha parte da sociedade.
—Ese é un problema que non é exclusivo de España, porque se dá en todos os países desenvolvidos, en Europa, en Estados Unidos... Os dereitos humanos son para todos e hai moita xente que é consciente dunha única humanidade. A miña postura é que todos son humanos independentemente da súa orixe, da súa clase social ou das súas crenzas, pero que outras persoas mostren comportamentos xenófobos non depende dun e unha parte da opinión pública déixase levar máis por motivos sentimentais que por motivos racionais.
—De que trata o seu novo libro que acaba de presentar en Monforte?
—É unha recompilación de artigos sobre diferentes temas que se publicaron na prensa. No título falo de diálogo, porque estes traballos foron marcados polas reaccións que espertaron en persoas que se comunicaron comigo por correo electrónico ou por redes sociais e eu sempre intento razoar con elas.
«Hai un aumento máis ou menos constante de xente que necesita axuda»
O seu labor á fronte de Cáritas na diocese lucense proporcionou a Antón Negro un coñecemento directo da poboación en situación de pobreza.
—Como está hoxe a situación nese aspecto?
—Nestes últimos anos ten habido un aumento máis ou menos constante da xente que acude a pedir axuda a Cáritas. En moitos casos trátase de xente que ten traballo, pero que aínda así ten problemas para cubrir os gastos en auga, luz ou gas, ou mesmo para conseguir suficiente alimentación ou para encontrar unha vivenda. As cifras oficiais do paro só reflicten unha parte da realidade e rebaixan o número real de afectados, porque unha persoa en situación de fixo descontinuo, por exemplo, tamén sufre problemas de desemprego.
—A cuestión do acceso á vivenda está hoxe moi de actualidade.
—Si, a pesar do alto número de vivendas baleiras. Nesta provincia hai moitas, pero é un problema difícil de solucionar, porque hai casas desocupadas que pertencen a moitos herdeiros, ás veces ata 14 ou 18, e así é moi complicado negociar con eles para dar uso a estas vivendas. Cales poden ser as medidas máis efectivas? Non o sei, pero este problema hai que analizalo con calma e buscar unha solución. Os poderes políticos e económicos teñen que facer algo para solucionalo, porque está claro que todo o mundo ten dereito a un teito.