Piden que as Administracións merquen a Fortaleza de Amarante, en Antas de Ulla

la voz LUGO

ANTAS DE ULLA

Os membros de AVA diante da Fortaleza de Amarante
Os membros de AVA diante da Fortaleza de Amarante CEDIDA

O grupo Alternativa Veciñal reclama o apoio da Xunta e da Deputación de Lugo, seguindo o exitoso modelo do Castelo de Pambre

04 mar 2022 . Actualizado a las 16:05 h.

A voceira do grupo municipal Alternativa Veciñal de Antas de Ulla (AVA), Digna Gontá, acaba de presentar unha moción para debatir no pleno no que se lle pide ao Concello que merque a Fortaleza de Amarante coa fin de poñela en valor e abrila ao público, collendo como modelo o que fixo o Concello de Palas de Rei co Castelo de Pambre.

Lembra que a Fortaleza de Amarante é un BIC «que podería moi ben seguir estes pasos tendo en conta tres cuestións diferentes que xogan ao favor das arcas públicas: véndese moito máis barata, ninguén a quere mercar (aínda que, de ser así, prevalecería como compradora, segundo a Lei de Patrimonio de Galicia, a Administración Pública) e, ademáis, non require arranxo ningún (máis alá de cuestións de mantemento) pois está en perfecto estado», sinalan na moción.

A edila do grupo veciñal lamenta que o grupo de goberno de Antas de Ulla «non deu ata o momento ningún paso nesta dirección, nin no relativo a abrir conversas con outras administracións nin coa propietaria, cando menos no pleno non somos coñecedores de nada disto aínda que dende AVA se lle propuxo en reiteradas ocasións que debería facer parte da posta en valor de Antas de Ulla a nivel turístico». 

AVA quere que se impliquen todas as Administracións (Concello, Deputación Provincial e Xunta de Galicia) e incluso porse en contacto coa propietaria para acordar con ela un réxime de visitas públicas. Pero en especial piden que se analice a viabilidade «de que a Fortaleza de Amarante sexa mercada pola Xunta de Galicia, en colaboración coa Deputación de Lugo  e o Concello».

Apelan á Deputación

O grupo veciñal considera que a inversión que fai a Deputación no Centro Xeográgico de Galicia é innecesaria, salvo algunha sinalización, e podería dedicar eses fondos para mercar e poñer en valor a fortaleza. «Agora comparemos o revulsivo que pode supor unha cousa e a outra. Dun lado, unha construción de planta baixa enfocada a facer reunións e talleres, así coma un cuberto exterior anexo por un lado; doutro, unha torre medieval declarada BIC acompañada dun pazo totalmente restaurado, con cociña industrial e salóns preparados para hostalería, capela propia  e sala polivalente, así coma un espazo exterior totalmente amurallado e con hórreo propio, conxunto todo el representativo dunha maneira de vertebrarse o territorio que fala en primeira persoa de forma histórica de como se foi trazando a Comarca da Ulloa e nomeadamente a faixa norte do Farelo en canto á propiedade da terra».

Tamén cren que o devandito BIC pódese explicar turisticamente xunto a outros patrimonios da comarca, como o Pazo de Santa Mariña, e tamén co Mosterio e Igrexa de Vilar de Donas, onde están soterradas figuras nobiliarias da propia Fortaleza.

Con esta exposición de motivos, AVA propón un acordo no pleno que pasa por dous puntos. Por un lado, «iniciar conversas coa propietaria da Fortaleza de Amarante para proceder á apertura de visitas na Fortaleza de Amarante e ofrecéndolle o apoio do Concello de Antas de Ulla e o doutras Administracións». E en segundo lugar, «iniciar tamén conversas coas outras administracións para analizar a posibilidade de mercar a Fortaleza de Amarante e que pase a ser de titularidade pública e auténtico símbolo monumental de Antas de Ulla».