Cando toda Galicia era un parque

ANTAS DE ULLA

21 abr 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns medios de comunicación están difundindo, estes últimos días, o plan de crear en Antas de Ulla, epicentro xeográfico do noso país, o Parque Central de Galicia, que estaría chamado a converterse nun importante foco de atracción turística. Nos 45.000 m2 que foron adquiridos para o proxecto o foco estará centrado na riqueza natural da nosa terra, na beleza das nosas especies autóctonas e, entre todas elas, nomeadamente nos carballos e as bidueiras.

Cómpre recibirnos con ledicia as iniciativas que redundan na protección e o coidado da nosa paisaxe e así o faría con esta se nos mesmos días non lésemos, tamén na prensa, que se están producindo talas apresuradas para inzar aínda máis os nosos montes de eucaliptos (seica esgotados nos viveiros por mor da alta demanda) antes de que entre en vigor a moratoria (que non pensen que é unha suspensión indefinida, nin moito menos, senón unha moratoria… ata 2025, ou sexa, en termos de monte, pasado mañá).

Así que, ao ver as dúas noticias, éntrame un arreguizo, porque penso que houbo un día en que toda Galicia era un parque e logo, noutro día non tan afastado, chegou o primeiro eucalipto, para ser simplemente árbore ornamental, e de alí ata agora.

Quizais chegue un intre no que ese Parque Central de Galicia sexa como esas reservas de especies en perigo de extinción, como a Grande Fraga que soñou Ferrín no corazón de Tagen Ata; mais só para lembrarnos o que un día fomos ou o que poderiamos ter sido.

Xa sei o dos pequenos propietarios de monte, o da perspectiva individual, o de pagarlles os estudos aos fillos ou o de simplemente vivir… mais eu o que digo é que o noso debemos sostelo entre todos. Estou disposta. E coma min tantas galegas e galegos que levamos as bidueiras e os carballos no corazón.