Un milleiro de veciños de Antas de Ulla participan nun programa de compostaxe dos restos orgánicos

la voz LUGO

ANTAS DE ULLA

Composteiro entregados aos veciños de Antas de Ulla
Composteiro entregados aos veciños de Antas de Ulla CEDIDA

O Concello tamén ofrece unha biotrituradora para os restos vexetais

24 mar 2021 . Actualizado a las 11:46 h.

O Concello de Antas de Ulla a través do programa Sementa vida vén de poñer en marcha un proxecto de compostaxe doméstica e comunitaria enmarcado dentro das axudas concedidas polo PIMA na convocatoria do ano 2019 por un importe de 31.629,40 euros.

A través desta iniciativa o Concello repartiu 140 composteiros domésticos entre os veciños e veciñas interesados, co obxectivo de xestionar os restos de comida xerados nos fogares ao convertelos nun ben moi prezado denominado compost. Calcúlase que o proxecto beneficie a preto dun millar de veciños e veciñas.

O Goberno local recoméndalle aos veciños e veciñas de Antas de Ulla que depositen os restos orgánicos xerados no seu fogar nos composteiros domésticos e que só depositen no colector verde a fracción resto. Deste xeito axudarán a mellorar a xestión de residuos do Concello de Antas de Ulla no seu conxunto.Tamén estableceu dous puntos informativos, un na Casa do Concello e outro na Casa da Cultura, onde poderán atopar material informativo sobre a correcta separación de residuos en orixe, así como do proceso de compostaxe.

Pódense botar nestes composteiros restos da cociña como froitas e verduras, carne e peixe, pan, legumes e cereais, ovos e cunchas de moluscos, froitos secos, pousos de café e infusións, panos e papel de cociña sen tinturas. Tamén se poden botar restos do xardín e horta como follas, flores, raíces e restos das colleitas, herba e palla, restos de poda triturados, cinza e serraduras de madeira sen aditivos, papel e cartón.

Débese evitar botar no composteiro materiais como plásticos, vidro, papel de aluminio e calquera outro material non orgánico, revistas ou papel impreso a cor, tecidos sintéticos, restos de madeiras tratadas con produtos químicos (vernices, pinturas, etc.). Baixo o slogan ‘Faino por ti, por min, sementa vida' preténdese concienciar á poboación da importancia de xestionar os restos orgánicos para valorizar e obter un fertilizante natural de calidade.

Bio-trituradora

Como complemento a estes dous sistemas de compostaxe instalados, o Concello tamén adquiriu unha bio-trituradora de restos vexetais que será posta a disposición dos veciños de Antas de Ulla cun dobre obxectivo, triturar restos vexetais xerados nas vivendas e obter estruturante para empregar no proceso da compostaxe.