Alternativa Veciñal de Antas demanda un centro de día no municipio

LA VOZ LUGO

ANTAS DE ULLA

Foto de arquivo de dúas persoas maiores nun centro de día
Foto de arquivo de dúas persoas maiores nun centro de día Marta Fernández Jara

«O PP de Javier Varela tiña comprada unha parcela para a súa edificación, pero cedeuna á Consellería de Sanidade para construir un centro de saúde», din

06 jul 2020 . Actualizado a las 12:38 h.

Alternativa Veciñal de Antas (AVA) vén de presentar unha moción para a posta en marcha dun centro de día co fin de ofrecer unha atención diúrna ás persoas maiores. A solicitude reclama que o modelo de xestión sexa público, cun número de prazas reducido para ofrecer así unha atención máis personalizada aos usuarios. 

No documento presentado, AVA argumenta que se trata dun proxecto esencial para Antas de Ulla, posto que conseguiría garantir o dereito dos maiores a unha atención digna e facilitar a permanencia no seu entorno habitual. Por outra banda, consideran que se trata dun elemento capaz de dinamizar o municipio, potenciar o comercio local e crear postos de emprego moi ligados ao lugar onde se desenvolve a actividade, unha ferramenta eficaz para combater o despoboamento rural. 

No 2009 o goberno local do PP, encabezado por Javier Varela, abordara esta cuestión e fixérase cunha parcela sobre a que levantar un centro para estes usos. Dez anos despois, acordouse en pleno a cesión desa mesma parcela para a construción dun novo centro de saúde, quedando paralizado indefinidamente o proxecto do centro de día.