«Traballo para que os músicos que hoxe se forman na escola podan ser profesionais»

teresa batán ANTAS DE ULLA

ANTAS DE ULLA

Este mozo, que leva a escola de música do concello, forma parte de importantes orquestras en España

19 feb 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier González Borrajo é o xove director da Banda de Música de Antas. En Agolada e Lalín recibe as primeiras leccións musicais e na Coruña licenciase no 2011 coas máximas cualificacións. En todos estes anos pertence a Escola de Altos Estudos Musicais de Galicia, Xove Orquestra da Sinfónica de Galicia, Xove Orquestra Nacional de España, e colabora coa Real Filarmonía de Galicia, Orquestra Sinfónica de Castela e León, Orquestra Sinfónica de Estremadura, Orquestra Sinfónica de Galicia.

É membro fundador de Hércules Brass quinteto de metais, o proxecto máis ilusionante da súa vida, como músico. Con el leva realizado concertos por España, Europa e Latinoamérica e reciben varios premios en concursos nacionais e internacionais. Teñen varios espectáculos como HéculesBrass en Concerto, Os Superhécules, ou O quinteto triste e A Bruxa Anónima, que estrearon este mes xunto coa Orquestra Sinfónica de Galicia e Paula Carballeira.

-¿Que proxecto ten a curto prazo coa banda e a escola de música de Antas de Ulla?

-Dende que asumín a dirección da Banda e da Escola de Música de Antas de Ulla tiña claro que o obxectivo era crear unha Escola de Música sólida para garantir o futuro da banda. Despois de tres anos, temos unha escola de música con 35 alumnos e unha banda con outros tantos músicos e creo que ese é o camiño que debemos de seguir para seguir facendo delas un referente na provincia.

-¿E a longo prazo?

-Cando comecei na banda, tiña como un dos grandes obxectivos participar algún día nun concurso de bandas. Daquelas seguramente parecería imposible pensar tal cousa pero cada día véxoo máis cerca e non o descarto como futuros proxectos. Sería un privilexio para min e creo que unha ilusión enorme tanto para os músicos como para o pobo de Antas de Ulla. Gustaríame que os músicos que hoxe forman parte da Escola de Música, seguiran os seus estudos musicais dunha maneira máis profesional e ogallá puideran vivir dela. Sería un orgullo para min.

-¿Que pedagoxía usa nas clases e en que se basea?

-Na Escola de Música impártense clases de solfeo e instrumento. A min tócame a parte de solfeo, vento metal e tamén a Banda Xuvenil. Aínda que o solfeo é unha parte imprescindible para tocar un instrumento, considero tan importante dedicarlle tempo a outros parámetros como por exemplo a cantar (entoar). Un músico ademais de tocar un instrumento debe de saber qué está tocando, e escoitar aos demais músicos que están ao seu arredor. Aparte desto, facemos todo tipo de xogos, percusións, cantamos, bailamos etc. Todo relacionado co mundo da música. Para min é fundamental que os nenos se divirtan e gocen coa música. Nos concertos de alumnos apostamos por espectáculos distintos con moito humor, pero por supostos en renunciar ao instrumento de cada un e a calidade musical

-¿Que é para vostede a música?

-Para min a música é todo. Creo que todo ser humano se sinte identificado con algún tipo de música. Dende rapaz gustoume a música e considérome un namorado dela, e por suposto da música de banda. Nacín nunha banda, formeime no seo dunha banda e hoxe en día teño a sorte de vivir dela.

-¿Como ve isto de que se dea menos importancia a mesma nos currículos escolares?

-A música non só é soprar por un tubo. Aprender música supón aprender un novo idioma, unha forma de expresar, axuda a psicomotricidade e desenvolvemento intelectual dun neno. De feito, hai estudos que o demostran. Cando falamos de música estamos a falar de cultura, e precisamente creo que hoxe en día, o que máis debemos apoiar é a cultura.

-¿Que é máis importante no seu proxecto, formar musicalmente ou formar unha gran banda?

-Na Escola de Música de Antas apostamos pola formación dos nosos músicos. Unha vez que tes grandes músicos, xa contas cunha gran banda. O segundo é consecuencia do primeiro. Por iso apostamos por contar con especialistas en todas as materias que se imparten (saxofón, clarinete, frauta, percusión e vento metal) a pesar do esforzo económico que supón por parte da asociación. Antigamente, nas Bandas de Música, era o director o que impartía case todas as especialidades, pero afortunadamente os tempos cambiaron e hoxe en día saen delas músicos moito mellor formados. E por suposto, en Antas non íamos ser menos.