O cemiterio civil de Moncelos no que só repousa Jesús Hermida

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

ABADÍN

A solitaria tumba de Jesús Hermida en Moncelos
A solitaria tumba de Jesús Hermida en Moncelos Carlos Castro

En Abadín hai unha aldea cunha necrópole civil que data dos anos vinte do século pasado

31 oct 2020 . Actualizado a las 19:59 h.

«Aquí descansan los restos de Jesús Hermida. 27-5-28». Ese sinxelo epitafio agocha unha historia sucedida hai preto dun século e que nin os veciños de Moncelos, no concello de Abadín, conseguen traer con claridade á memoria. A narración foi pasando xeración tras xeración ata chegar aos nosos días quizais un pouco diluída, pero digna de ser contada.

O cemiterio de Moncelos é grande es fermoso. Conserva algúns nichos góticos que lle dan empaque, mentres o mármore branco e negro tingue os panteóns máis novos. Perpendicular á porta do camposanto, a escasos metros, e sobre unha elevación, sitúase o cemiterio de Jesús Hermida. Literalmente é seu, porque el foi o único defunto que chegou a recibir sepultura nun cemiterio civil que se construíu hai preto dun século.

Para acceder á tumba de Hermida hai que subir doce chanzos. Un balado de pedra rodea o enterramento, protexido por unha cancela con peche. Aos pés da porta descansa un centro de flores frescas, e a lápida, que parece renovada non hai moito, é sinxela, sen alardes.

A solitaria tumba de Jesús Hermida en Moncelos
A solitaria tumba de Jesús Hermida en Moncelos Carlos Castro

Contan en Moncelos que nas primeiras décadas do século XX a relación entre algúns veciños das aldeas da zona e os curas da parroquia non era boa. Non comulgaban coa práctica do catolicismo nin querían ter un enterro en chan sagrado, polo que entre uns cantos xuntáronse e decidiron facer o seu propio cemiterio. «Hai quen di que algúns eran masóns. Contábase tamén que uns deberan poñer os cartos, e outros o terreo, pero ao final só unha persoa chegou a enterrarse alí», narra con mesura Pilar, veciña do lugar.

Hai quen engade á historia outros matices, apuntando que Hermida fora no seu tempo un lucense que emigrou a Arxentina, e cando volveu non quixo ser enterrado en chan sagrado. El ocupa hoxe a única tumba do seu cemiterio.

Pero a historia de Hermida non é a única que rompe coa tradición do seu tempo. «Houbo unha señora, alá polos anos vinte, que tampouco quería ser enterrada en sagrado, aínda que creo que finalmente si foi para o cemiterio, pero sen oficio relixioso. A historia conta que ao seu enterro veu a Banda Municipal de Lugo, que acompañou o cadaleito dende o outro lado do río ata a igrexa. Xa daquelas debía ser respectada, porque se conta que os homes, que daquelas acudían aos enterros a cabalo e tocados, acompañaron o féretro a pé e sen os sombreiros», narra Pilar.

Un século despois, a liña que divide a historia e a lenda non está clara, pero o certo é que no pequeno cemiterio civil de Moncelos xace só Jesús Hermida.