Nacín nun pequeno barrio de Abadín...

Ángeles Goás

ABADÍN

24 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Cheguei a este mundo con présa, coma se algo me urxira, sen saber moi ben o que… A tía Victorina e a mamá Flor, que andaban por alí de cando en vez, contáronme os meus primeiros contos. Tanto me gustaron que peguei o pedir un conto na miña boca.

Souben axiña que viñera ao mundo para escoitar porque, cando o facía, nada me urxía e dediqueime só a iso. Escoitaba a coñecidos e descoñecidos, aos vellos e non tan vellos, aos parentes que viñan de lonxe e aos de preto, aos meus amigos, aos veciños… A miña casa estaba sempre chea de xente e a min gustábame perderme nas súas lembranzas, mirarlles aos ollos e ver a historia que tamén contaban, ás veces, mesmo sen palabras…

De tanto escoitar, faltoume o contar, fun unha nena tímida con moitas palabras dentro que se atrancaban e non sabían botarse para fóra. Tiñan medo, por iso me levou moito convencelas de que estar sempre dentro non era bo, nin para elas, nin para min.

Un día entendín que, quen escoita historias, ten que contar algunhas (que non todo o que che contan se pode contar) e empecei, aos poucos, a buscar quen me aprendese a facelo. Así, coñecín grandes mestres, persoas que admiro e espero que deixaran algo de pouso en min.

Gústame, sobre todo, contar do que me contan, do que escoito, do que calei de nena… Algunhas son historias tinguidas de realidade, outras coa tinta caprichosa da memoria ou tecidas con fantasía…

(http://www.contarelas.com)