«Non se entende a Terra Chá sen a relixiosidade popular»

Xosé María Palacios Muruais
Xosé María Palacios VILALBA / LA VOZ

ABADÍN

PALACIOS

José Manuel Blanco afirma que a percepción da relixión vai cambiando, aínda que algúns lugares conservan o poder de convocatoria

30 dic 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

No libro de Blanco, editado polo Instituto de Estudos Chairegos (Iescha), recóllense máis de medio cento de santuarios e inclúense tamén os de Outeiro de Rei e de Pol aínda que a división comarcal dos anos noventa colocou eses concellos fóra da Terra Chá. «Parecía que se non trataba iso, había un oco», comenta,

Para o autor, por outra banda, non hai dúbida de que o dos Milagres, en Saavedra, é o santuario que se pode considerar central na comarca. «Os santuarios poden estar en fase de estancamento ou de regresión. O de Saavedra ?di? pode estar na de estancamento; pero se a data da festa [o 24 de maio] coincide en domingo, nótase un aumento».

-Hai unha relixiosidade chairega?

-Hai trazos na zona que non atopei noutras da provincia. Por exemplo, o ritual do coitelo de Santo Adrao, que aínda está operativo en tres santuarios, que son o do Fitoiro (Bretoña), o de Goiriz e o de Carballido (Pacios). Movinme por toda a provincia; aínda o fago, pero ese ritual non o atopei noutras zonas.

-Como é?

-Hai un coiteliño de madeira, feito por alguén da comunidade. O día da festa unha persoa cólleo e dállo a quen esta encargado alí, que normalmente é un fregués. Esa persoa pasa o coitelo pola imaxe do santo, devólvello ao romeiro, e o romeiro normalmente pásao polas zonas do corpo nas que ten algún problema (algún vulto, por exemplo). Como ese coitelo, segundo a tradición, está sacralizado, inflúe na saúde. Son crenzas; non é nada obxectivo, pero é obxectivo o ritual.

-Que función desenvolven hoxe eses lugares?

-Teoricamente, están en regresión por varios motivos. Un pode ser o avance dos medios de comunicación social, o aumento do nivel cultural nas comunidades rurais. Esas dúas causas, sen dúbida, xeran que a óptica sobre o fenómeno relixioso vaia variando. Outra causa: o avance tecnolóxico, vencellado cos médicos e cos veterinarios, vai motivar que certas peticións, que se facían por doenzas humanas ou de animais, xa se fagan menos. Outra posible causa, que tamén analizo no libro, é a diminución de cregos nas zonas rurais. Estanse a crear unidades pastorais, e iso, dalgún xeito, afecta á operatividade dos santuarios, xa que os servizos relixiosos son menores.

-A xente aínda conserva o costume de acudir a santuarios como o dos Milagres ou o de San Cosme, en Galgao. Por que vai?

-Penso que hai xente que aproveita ese día para facer un percorrido; pero penso que en termos xerais o que vai está ofrecido: é un rito de purificación. Pode haber xentes que vaian por razóns profanas, pero son as menos.

-Enténdese a Terra Chá sen a relixiosidade popular?

-Penso que non, e non só a Terra Chá senón tamén calquera comarca de Galicia. É unha resposta do individuo diante dos seus problemas, que poden ser de doenzas, de facenda ou modernos (paro, droga...).

-Aumenta a espiritualidade?

-A relixiosidade popular vai a menos. Os motivos que dixen son moi definitivos salvo certos casos, como o dos Milagres. O San Cosme de Galgao, de cando o coñecín a hoxe, baixou algo. Cando comecei estes estudos, no ano 1982 ou 1983, os medios de locomoción xa avanzaran; hoxe son maiores. Que quero dicir? Que se hai varios oficios relixiosos nun santuario, unha persoa acode, realiza ese ritual e logo colle o coche e marcha. Ás veces, non podemos calcular exactamente a xente que pasa por un santuario ao longo do día. Poñamos o caso de Galgao: unha persoa vai alí, oe misa e marcha. Se eu chego a un santuario, teño a percepción da xente que vai no tempo que estou alí, cando antes a xente pasaba alí todo o día.

-Hai cregos que fixeron traballos importantes en certos santuarios: por exemplo, Alfonso Blanco no de Bascuas. Interromperase ese labor?

-O que fixo Alfonso Blanco en Bascuas é moi meritorio, porque se conservan elementos que tiña o santuario. Alí, o 15 de agosto pola mañá, ofícianse varias misas e segue a haber rituais como o de poñer o santo, o da procesión...

 

Que diminúan certas prácticas relixiosas non ten que supoñer que os espazos vencellados con esas prácticas caian no esquecemento.

-Son os santuarios patrimonio de todos?

-Son patrimonio artístico. Creo que a sociedade tamén os percibe así. Quéirase ou non, son un elemento de identidade en maior ou menor medida: están vencellados con algo que é teu, do medio no que te desenvolves.

-Sente debiilidade por algún santuario en concreto?

-[Ri un pouco e pensa un momento]. Os Milagres e o san Alberte: o san Alberte, porque recordo ter ido con catro ou cinco anos, e os Milagres, porque tiña familia en Saavedra ía alí de festa; pero sen desmerecer aos outros.

[O libro presentouse o venres pola noite en Vilalba, nun acto que tivo lugar na Casa da Cultura. Foi organizado polo Iescha, e contou con varias participantes, entre as que figurou o autor da obra].