«8.000 euros é unha salvaxada; falan de protexer o rural, pero queren acabar con el»

X.M.P. VILALBA / LA VOZ

ABADÍN

04 mar 2017 . Actualizado a las 15:02 h.

Algo máis de 8.000 euros -exactamente, 8.484- é o que ten que pagar Antonio Barja, empresario de Abadín cun coñecido negocio do sector da automoción na parroquia de Quende, xunto á estrada N-634. A cantidade corresponde a dúas actualizacións: unha (4.535 euros) ten que ver co taller, e outra (3.949), cunha nave situada no casco urbano. As actualizacións corresponden cos anos 2012, 2013, 2014 e 2015, e Barja comenta que entre o primeiro e o derradeiro deles xa houbo un incremento da cantidade que foi pagando polo Imposto de Bens Inmobles (IBI). O taller foi construído a finais dos anos oitenta e ampliouse a comezos dos noventa; a outra ten algo máis de trinta anos de antigüidade.

-¿Parécelle proporcionado o que ten que pagar ou cre que é excesivo?

-É unha salvaxada. Entendo que haxa que facer unha actualización, pero isto paréceme desproporcionado, sobre todo na zona rural. Por unha parte, falan de protexelo; por outra, acaban con el.

-Unhas actualizacións coma estas ¿son unha ameaza para subsistir?

-Vaise acabar coas zonas rurais. As casas, non haberá quen as venda. Vexo que é algo desproporcionado: por un lado, falan de apoiar as zonas rurais; por outra, métenlle caña. Se tes unha casa, ¿a quen llas vas vender? Non paga a pena. Isto é case para que deixe de haber o pouco que hai. Non estamos ben tratados, non sei por que.

-¿Séntese desanimado nesta situación?

-Chegas á conclusión de que se fai tanto non traballando ou traballando pouco como traballando con ánimo para mellorar o negocio. Parece que desaniman á xente, totalmente.