A Pastoriza recibe un tesouro de libros

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

A PASTORIZA

O crítico Ángel Basanta achegou a súa biblioteca persoal ao Concello

28 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Pastoriza ten dende este martes unha ampla biblioteca. Os que a visiten se cadra se han sorprender da cantidade e variedade dos libros que a compoñen, uns dez milleiros de volumes, algo que se debe á xenerosidade fun fillo desas terras. O crítico literario Ángel Basanta acordou doar a súa biblioteca persoal ao Concello, que a instalou no edificio da Casa da Cultura.

A biblioteca leva o nome de Ángel Basanta como recoñecemento a ese comportamento seu. O acto de inauguración oficial tivo lugar no mediodía deste martes. Primeiro, nun salón de actos da Casa da Cultura ateigado de xente, houbo un acto con varias intervencións e con asistencia de xente da cultura vencellada con Basanta: entre elas, Víctor Freixanes, escritor e presidente da Real Academia Galega. Entre os que falaron nese acto estivo tamén o alcalde pastoricense, Primitivo Iglesias, que antes de entrar na política foi profesor e membro do grupo que elaborou o Dicionario Xerais da Lingua.

Basanta e os asistentes ao acto acudiron despois, no mesmo edificio, á nova biblioteca. A doazón de Basanta, natural da parroquia de Crecente e residente en Madrid, inclúe obras relacionadas con figuras da literatura española contemporánea coma Pío Baroja, Valle-Inclán ou Álvaro Cunqueiro.