A Foliada da Fonsagrada ilumina a comarca na súa gran décima edición

La Voz LUGO

A FONSAGRADA

A localidade acolle esta fin de semana de decenas de actividades culturais

06 dic 2025 . Actualizado a las 21:34 h.

A décima edición da Foliada da Fonsagrada estivo chea de cor, de música, de baile, de arte e de ilusión. Unha das grandes festas do ano na provincia volveu a non decepcionar e o segundo día da celebración pasou pola localidade deixando de novo unha pegada que fai deste evento un dos imprescindibles cada outono.

O venres xa se viviu unha gran apertura, pero o sábado non quixo quedar atrás. A xornada empezou coa apertura da Feira de Artesanía, que contou con varios postos. Pouco despois, arrancou a sesión vermú ao ritmo de Pärbo e Tona, o proxecto liderado polo ex membro do grupo Terbutalina, Miguel Cernadas, que acaba de sacar disco. Pola tarde, as presentacións de dous libros e dun documental amenizaron o día, que rematou co gran momento musical da man de Os Melidaos, De Ninghures, Baiuca e a Duendeneta.

O programa do domingo

Este domingo, a festa continúa. Estas son as actividades máis destacadas:

· 12.30h. Pasabares co grupo Seimeira.

· 18.00h. Cantos de Taberna. Os grupos interesados deberán cubrir o formulario antes do venres 28 ás 13.00 horas. Cada grupo participante ten dereito a un máximo de dez consumicións de balde (auga, café, refrescos, cervexa, viño e chopos). Cada grupo admitido deberá aboar 100 a modo de fianza, que serán devoltos o día dos Cantos.

· 21.00h. Butelada fin de festa (cocido da Fonsagrada con cachola, lacón, garavanzos, grelos, cachelos e butelo, brazo de xitano, bebida e café) e menú vegano (ensalada mixta e risotto de choupíns e verduras, froita, bebida e café). Precisa inscrición. Fin de festa.