A última pousadeira do cego Florencio cumpriu 100 anos na Fonsagrada

Manuel Fernández A FONSAGRADA / LA VOZ

A FONSAGRADA

Foto Manuel

Ermitas Álvarez, que tivo tres fillas, traballou no agro, foi ama de casa e ata axudou en partos, celebrou o seu aniversario rodeada da familia, veciños e amigos

31 ene 2023 . Actualizado a las 19:13 h.

Ermitas Álvarez Gómez (Vilabol de Abaixo, A Fonsagrada) cumpriu 100 anos rodeada das súas tres fillas, con cinco netos e dez bisnetos. Ela foi a última pousadeira de Florencio López Fernández, coñecido como O Cego dos Vilares, o último violinista galego que percorreu festas, feiras, mercados, camiños e casas interpretando as súas coplas.

A casa de Ermitas foi un lugar de encontro. Recibía á veciñanza, poñía a radio, había polavilas... A porta da súa casa sempre estivo aberta e ela casou con Manuel Mon. Deste matrimonio naceron Carmen, Julia e Benilde. Elas, xunto co resto da familia, amigos e veciños, celebraron un centenario moi especial e cheo de sorpresas, sorrisos e amor.

O luns 30 de xaneiro deste 2023, a última pousadeira de Florencio estivo de celebración. Recibiu ramos de flores que chegaron dende todos os puntos, pobos e cidades de Galicia, placas, marcos, reloxos... e pronto terá tamén todas as imaxes do gran día, ademais dun álbum personalizado.

Ermitas, coas súas tres fillas, na festa de cumpreanos
Ermitas, coas súas tres fillas, na festa de cumpreanos FOTO MANUEL

A xornada de festa comezou pola mañá e rematou xa pasada a medianoite. En coche, avión ou autobús toda a familia da lucense chegou dende Barcelona para inaugurar primeiramente a iluminación da capela de Vilabol. Ademais, houbo unha misa pasadas as doce da mañá e seguidamente, unha sesión fotográfica con familiares e convidados.

Despois, chegou un xantar moi especial guiado por un cátering que puxo a comida do día de celebración. Ata Vilabol desprazouse o médico de Ermitas, Ricardo Parada, disposto a celebrar con ela o seu centenario corroborando esa boa saúde da que ela goza, pero tamén o alcalde da Fonsagrada, Carlos López, que lle entregou unha tarta como agasallo.

Ermitas, que se atopa estupendamente aínda que ten que empregar cadeira de rodas por un problema de mobilidade, aguantou ata pasadas as doce da noite toda a troula. Alegría, emocións, apertas... Tamén se atreveu a cantar no seu día grande. «Eu nunca pensei en morrer», dixo ela moi convencida. Porque esta pousadeira é unha representación fiel diso que chaman ledicia, pero tamén do agarimo, respecto, amor... Máis de 70 anos en Vilabol chegan para coñecer a moita xente.

Esta centenaria é ademais un exemplo de como en tempos se traballaba arreo para poder subsistir. Ela, que pariu tres fillas, traballou no agro, foi ama de casa, conselleira e ata axudou en partos, pode presumir de ser coñecida en moitos rincóns da montaña de Lugo, pero tamén de todo Galicia.