«Para chegar aos cen anos hai que traballar moito e beber pouca auga»

Manuel Fernández A FONSAGRADA / LA VOZ

A FONSAGRADA

No centro, con boina e bastón, Benjamín Pérez, que celebrou hai uns días o seu século de vida
No centro, con boina e bastón, Benjamín Pérez, que celebrou hai uns días o seu século de vida FOTO MANUEL

Benjamín Pérez Fernández, un dos tres homes de 100 anos que viven na Fonsagrada, celebrou o seu aniversario rodeado de familia e veciños

09 sep 2021 . Actualizado a las 18:18 h.

Boina na cabeza, bastón na man e camisa de cadros. Así se presenta Benjamín Pérez Fernández (21 de agosto de 1921), da Casa de Ferreiro de Castro de Cuíñas, na Fonsagrada. El é unha das tres persoas desta comarca da montaña que superan o século de vida. Todos eles son varóns.

O señor Benjamín tivo sete irmáns, pero el —terceiro máis novo— foi o que decidiu quedar na casa e é o último que aínda sobrevive ao paso do tempo. Ademais, pode presumir de vivir ca súa dona, Placentina, coa que tivo tres fillos, e que ten agora 90 anos. Ambos os dous teñen un par de netos e outros tantos bisnetos. Pero o segredo da lonxevidade que garda baixo chave Benjamín é contundente: «Para vivir 100 anos hai que traballar moito e beber pouca auga». Explican os seus fillos que nunca tiña sede e que as comidas as facía co acompañamento dun vaso de viño.

O pasado día 21, Benjamín celebrou o seu 100 aniversario rodeado da súa familia ao completo e ata os seus veciños quixeron ter con el unha mostra de cariño e achegáronse tomar o vermú. Ademais, este centenario emocionouse ao recibir unha visita moi especial, a do alcalde da Fonsagrada, Carlos López, que tamén tivo un detalle con el.

«Meu pai é unha boa persoa, tranquila e traballadora», así é como o define un dos seus fillos, Lolo, co que convive. Benjamín Pérez traballou no caserío familiar «como se facía antes, con ferramentas». Naqueles tempos, na casa había vacas, polo que tamén dedicaba tempo a coidar dos seus animais. Ademais, dedicouse á compravenda de xamóns, tal e como explica o seu descendente: «Madrugaba moito para mercalos e vendíaos cando xa estaban curados». A Casa de Ferreiro de Castro acolleu xa a catro xeracións desta familia, aínda que non se descarta que puideran vivir máis, xa que non hai rexistro tan antigo que permita argallar no pasado desta xente da comarca da Fonsagrada.

«Para vivir 100 anos hai que traballar moito e beber pouca auga»

Afortunadamente, os cen anos non fixeron mal na saúde de Benjamín xa que, tal e como relatan os seus fillos, atópase estupendamente: «Dorme perfectamente e come de todo. Ás veces di que non se acorda de cousas porque son moitos anos, pero a realidade é que ten moita conversación».

O día a día deste centenario

Os días deste centenario transcorren agora da seguinte maneira: almorza na cama, levantase aí polas dez, aséase e vai para a cociña ou, se fai bo tempo, para a eira. Como costume, tras comer bota unha pequena sonata e nunca ten présa para ir para a cama. En resumo, o señor Benjamín é unha persoa tranquila e de fácil convivencia, que agora pasa os seus días entre mimos e cariños, gozando de todo o que construíu.

Traxectoria

Don Benjamín traballou no caserío familiar, pero tamén se dedicou á compravenda de xamóns, que vendía xa curados.