Os estudantes que fixeron unha curta da Fonsagrada que xa saborea o éxito

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

Un momento de grabación da película, na comarca fonsagradina
Un momento de grabación da película, na comarca fonsagradina Susana Alba Alonso

«O que queda de nós» acadou o segundo premio no festival do Carballiño e foi seleccionado no FanCine de Monforte

06 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Trece estudantes da Universidade de Vigo comezaron en febreiro deste segundo ano de pandemia un traballo audiovisual que xa colleita os seus primeiros froitos. Dende a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación pedíronlles unha curta como parte dos contidos académicos. Pero este grupo de mozos decidiu «tomalo como algo máis, facer un proxecto que puidese ver a luz», explican eles, emocionados ao ver a boa acollida que está tendo un traballo tan labrado.

A gravación de «O que queda de nós» desenvolveuse no mes de maio e postergouse durante varios días. Foi na Fonsagrada e cada un destes estudantes desempeñou un papel distinto para afianzarse así nun mercado laboral no que están a piques de emprender, posto que algúns van en terceiro e outros en cuarto curso do Grao en Comunicación Audiovisual.

A curta trata dunha nai e da súa filla que viven nunha zona illada da comarca fonsagradina. Como método de supervivencia e tradición, contemplan a caza, pero a proxenitora considera que a súa descendente non está preparada, algo no que a rapaza discrepa. De súpeto, comezan o problemas tras unha batida.

Mañá, na Fonsagrada

«O que queda de nós» estrearase mañá no salón de actos Os Chaos da Fonsagrada, aínda que xa se proxectou nas Xornadas de Cine e Vídeo de Galicia (Xociviga), celebradas no Carbaliño e no FanCine de Monforte. No primeiro festival o film acadou un segundo premio e no outro, foi seleccionado.

Continuidade

Estes estudantes xa teñen o seu oco no sector audiovisual e xa pensan en como dar continuidade a este proxecto. Farán unha exposición fotográfica complementaria á curta que versará sobre A Fonsagrada e a súa xente, da que axiña transcenderán os detalles e os lugares onde se amosarán as imaxes.

Cada un dos participantes é dun recuncho distinto de Galicia, pero a idea de gravar nesta zona da montaña de Lugo xurdiu porque coñecían xente da comarca e sabían que A Fonsagrada é coñecida por temas que se poden observar directamente nesta curta. Nestes momentos, están traballando na distribución.

O equipo

Detrás desta curta están Lucía Abeledo, Raquel Currás, Ana Muñoz, Miguel Gómez (el director), Jorge Díaz, Juan Garrido, Eva María Fernández, Susana Alba, María Isabel Estévez, Keka Losada, Jessica Pérez, Lucía Carrera e Marta Bouzas.