Adeus ao vello depósito da Fonsagrada

Manuel Fernández A FONSAGRADA

A FONSAGRADA

FOTO MANUEL

Comeza o derribo dun símbolo da vila que puxo fin nos anos 50 aos pozos artesanais

23 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi o primeiro depósito da vila fonsagradina, un símbolo que, coma case todo na vida, está a piques de desaparecer. Onte comezaron as obras para retiralo. A construción data dos anos 50 do pasado século e a súa boa estrutura fai difícil as tarefas de derribo, que se prolongarán varios días. Como recordan os máis lonxevos, cando se fixo aconteceu un suceso que ben puido rematar en desgraza: o encargado da obra caeu dende arriba e, milagrosamente, nada se mancou. Daquela, o alcalde era Fonteiriz e a traída chegaba dende a presa do Muradal, que nos anos 90 sufriu un rebentón. No lugar, aínda hoxe hai una captación que non abonda para surtir a vila. Adeus ao vello depósito xa que, aínda que estaba en desuso, a súa construción marcou tamén un momento importante na dotación de servizos da Fonsagrada. A pesares de que nun tempo deixouse de utilizar coa construción dun novo, coñecido coma ‘o pirulí’, que bombea auga dende San Pedro de Neiro. A súa postura é visible dende todos os currunchos desde os que se olla este pobo, situado a case mil metros de altitude.

Neste depósito tiñan niño moitas pombas. Falouse tamén de facer nel un miradoiro ou unha emisora de radio local, proxectos que se desbotaron por ter A Fonsagrada moitos outros lugares con vistas idílicas da montaña de Lugo. Antes de ter traída, a vila abastecíase con pozos artesanais, tamén emblema deste concello repleto de acuíferos subterráneos.

Construído na Rúa Parque, na parte de atrás do residencial Rois de la Peña, o vello tanque pronto verá como a súa vida rematou, pero quedará, iso si, na memoria de moitos fonsagradinos.