A Fonsagrada márcase o reto de facer viral o butelo

La Voz LUGO

A FONSAGRADA

Feira do Butelo en A Fonsagrada no 2020
Feira do Butelo en A Fonsagrada no 2020 MANUEL

Haberá promoción da artesanía nas redes

06 feb 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A pandemia obrigou ao Concello da Fonsagrada a suspender a tradicional Feira do Butelo. Pero desde Festigaleiros, coa colaboración do Concello, marcáronse o reto de facer viral o butelo, cun programa de actividades gastronómicas e culturais, ademais de sorteos e outras propostas en liña.

A primeira delas será un sorteo de dous lotes de produtos de primeira calidade de A Fonsagrada para poder degustar na casa. Sortearase un no Facebook e outro no Instagram, con produtos de Casa Castelao, Embutidos Buenavista, Panadería Barreira, Licores Os Maios, Panadería Pastelería O Pan de Iria e Apicultura Landeira. Para elo, hai que ser seguidor da conta de @festigaleiros, darlle a «me gusta» na publicación e compartila usando o candelo #feiradobutelo antes da medianoite de mañá. O luns farase público o gañador.

Por outra banda, están tamén compartindo receitas de preparación do butelo, ademais de promocionar os establecementos gastronómicos da Fonsagrada.

A maiores, compartiron en redes tamén unha selección de ilustracións sobre A Fonsagrada, da autoría de Forges, falecido no 2018 e que recibira no 2015 o galardón Butelo de Ouro.