«O noso selo é a calidade, a guerra con grandes firmas está perdida para nós»

A FONSAGRADA

MANUEL FERNÁNDEZ

26 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Rubén Fernández estaba rematando os estudos universitarios cando os seus tíos lle propuxeron dirixir o negocio familiar, en 1999.

-Sempre fun un apaixonado da empresa e fíxome moita ilusión, sendo da Fonsagrada, poder contribuír a crear postos de traballo, asentar poboación e sacar adiante un proxecto viable. Para os que logramos vivir e traballar aquí, é un éxito en todos os sentidos.

-Que supón xestionar un negocio na Fonsagrada?

-Estamos a 56 quilómetros de Lugo, e iso repercute, porque estamos lonxe de todo, tanto para recibir materia prima como para enviar os produtos. Tamén a nivel laboral, para atopar persoal. E nos meses de inverno, coa neve, a cousa complícase. Pero falar da Fonsagrada aporta valor engadido á marca; aquí, a mil metros de altitude, temos características microclimáticas que lle aportan unha elevada calidade e un sabor tradicional aos produtos. Sempre tivemos claro que a nosa aposta tiña que ser a calidade, non o volume. Ese é o noso selo, calquera guerra con calquera grande industria está perdida para nós.

-De onde procede a materia prima?

-O porco ecolóxico e o celta proceden case a o 100% de Galicia, e boa parte do porco branco tamén é local. Toda a carne a mercamos en fresco e reducimos o posible engadidos e colorantes.

-Cantos empregados ten Casa Castelao?

-Na actualidade somos 25 persoas, pero antes da peste porcina chegamos a ser 35.