A aldea da Fonsagrada que non se esquece do alcalde que lles fixo a pista

manuel fernández A FONSAGRADA

A FONSAGRADA

MANUEL

Os veciños de Noceda agradecen a Argelio Fernández que lles fixera a pista que por fin lles axudou a saír da incomunicación

29 ago 2019 . Actualizado a las 20:17 h.

A tranquilidade dos sete veciños que viven permanentemente no pobo de Noceda, na parroquia fonsagradina do Trobo, viuse alterada hai unha semana cando pola tarde achegouse o exalcalde da Fonsagrada, o socialista, Argelio Fernández Queipo, para inaugurar un monolito cunha placa dedicada a súa persoa. O político non sabía nada de que os veciños lles estaban a facer unha homenaxe, só acudiu á chamada deles para compartir unha churrascada cando se viu sorprendido pola celebración.

O monolito que se descubriu en Noceda di textualmente: «Como recordo e agradecemento dos vecinos de Noceda a Argelio Fernández Queipo, alcalde da Fonsagrada». Foi unha homenaxe que lle fixeron estes veciños, e os familiares que pasan os días de vacacións no municipio, ao seu anterior mandatario en agradecemento pola execución das obras da pista que tanta utilidade presta a veciñanza. E é que antes non existía camiño asfaltado para chegar a este núcleo, co que unha ambulancia ou un camión non tiña acceso. Foi grazas ao exrexedor, como sinalaron os veciños, como conseguiron ter unha comunicación por estrada.

O exalcalde dixo que se sentía agradecido sen motivo, pois dera cumprimento a unha promesa, logrando un beneficio para a comunidade, como era o seu deber coma servidor público. Despois de descubrir a placa e facer unha brinde, os presentes gozaron dunha churrascada preparada na aldea para a ocasión, cunha noite de calor como xa ninguén recordaba no lugar.