A ruta do butelo sofre unha baixa grave coa perda de Obdulia, de Casa Villar
A FONSAGRADA
A cociñeira foi unha gran profesional pero tamén unha gran persoa
14 ago 2019 . Actualizado a las 10:05 h.«Imos a Casa Villar a comer o cocido, chama para reservar ....Dinme que este ano está todo ocupado, vai ter que ser para a vindeira tempada... ». Este era o diálogo habitual dos comensais de calquera punto de Galicia ou Asturias, que ían xunto a Obdulia a desfrutar das excelencias gastronómicas que preparaba.
Unha referencia no sector da hostalería, onde os clientes se sentían coma na súa propia casa. Disfrutaban da comida e da súa campechanía, alegría e sorriso permanente, e antes de marchar xa concertaban cita para volver.
Coa súa prematura partida, o sector perde unha referencia, e o tren da Ruta do Butelo queda sen un vagón que ia cheo de agasallos en forma de compoñentes gastronómicos para satisfacer aos clientes, que, baixaban en Paradavella sabedores de que desfrutarían de manxares únicos e exquisitos creados para a ocasión por Obdulia, pois a mellor satisfacción que recibía era a de ver a faciana alegre e compracida dos visitantes.
Non só Xosé Manuel queda orfo de nai, e Pepe perde a compañeira de toda a vida; a Fonsagrada botará en falta a unha traballadora excepcional, unha boa persoa e un espello e exemplo das mulleres da montaña. Hoxe ás sete da tarde na Igrexa Parroquial de Paradavella, será o funeral e tamén a súa derradeira estadía no pobo ó que tanta xente acudía para comer en Casa Villar.