Sentida homenaxe na Fonsagrada

manuel fernández / gloria g. A FONSAGRADA / LA VOZ

A FONSAGRADA

Fotografía Manuel

O sábado inaugurouse na Fonsagrada o mausoleo dedicado á figura de Herminio Saavedra, querido e respectado en toda a localidade

16 jul 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Un feito que conmocionou a historia da Fonsagrada no pasado ano foi a morte do veciño Herminio Álvarez Saavedra. Dende aquela, leváronse a cabo varias homenaxes e mostras de agradecemento que alcanzaron o seu momento máis álxido coa inauguración este pasado sábado 13 dun mausoleo dedicado a Herminio.

A figura do empresario goza de gran prestixio e agarimo na localidade da Fonsagrada. A historia deste emprendedor empezou cando abriu un taller de maquinaria agrícola e forestal na vila. Tras toda unha vida dedicada a isto, un ano antes da súa morte puxo andar na Proba de Burón unha canteira da que se extrae pedra tanto de paredar como serrada ou de aplacar. Un material especial e moi demandado na construción.

O mausoleo, decorado cunha placa para Herminio, vai acompañado dunha área de descanso, e ambas as pezas están construídas preto das instalación da que fora a súa empresa no barrio das Rodas, na Fonsagrada. O principal artífice e promotor deste acontecemento foi Arsenio Álvarez Baamonde, coñecido popularmente coma Fonsatrans, quen foi capaz de contaxiar a súa iniciativa entre unha ducia de empresarios que colaboraron de maneira altruísta en facer realidade o mausoleo a Saavedra.

O acto iniciouse coa xuntanza dun grupo de quads, compañeiros do homenaxeado, que fixeron soar os seus motores durante un minuto. Posteriormente a súa muller e maila filla descubriron unha placa na rúa que leva o seu nome, así como a súa imaxe gravada nunha vistosa pedra. Ao final da homenaxe, varias persoas tiveron palabras de agradecemento para o home que durante todo o seu existir compartiu bens, amizade e cariño con quen o precisase. Incluso algún poema, de fondo sentir, composto para Herminio, puido escoitarse: «Nas ferreales pedras das canteiras / porque eras tan mañoso e tan arteiro / aínda tiñamos que falar de moitas cousas / compañeiro da alma... Compañeiro!».

Un mausoleo para Saavedra

A construción dedicada á figura de Herminio Saavedra pode ser visitada e usada dende o sábado. Está composta por unha mesa, bancos, fonte e unha efixie de Herminio. Todo está construído en pedra da canteira do Ferradal, industria que el inaugurara antes da súa morte.