Unión de sabores naturais para potenciar A Fonsagrada

suso varela / manuel fernández A FONSAGRADA / LA VOZ

A FONSAGRADA

MANUEL

Aa cervexa Píntega e as conservas vexetais de Ribeiregas buscan xuntas ampliar mercados

31 mar 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Xa se sabe que a unión fai a forza, e así decidiron facelo dous proxectos emprendedores que naceron na comarca da Fonsagrada e que teñen en común o respecto ao medio ambiente. Trátase de Juan Pablo Ferreiro, un enxeñeiro de Telecomunicacións que un bo día decidiu apostar pola elaboración dunha cervexa artesá e saír o mercado con ela, baixo o nome de Píntega; e por outro, Dora, Luz e Alfonso, integrantes da cooperativa Ribeira do Navia, que coa súa marca de conservas vexetais Ribeiregas conseguiron asentar o seu proxecto en Ermes (Negueira de Muñiz).

Esta semana presentaron ambos, no vello concello da Fonsagrada, unha maridaxe empresarial dos seus produtos, para que os fonsagradinos valorasen as súas calidades, pero ademais foi unha maneira de amosar unha alianza para buscar entre Píntega e Ribeiregas mercados de comercialización. «Queremos ir da man a nivel comercial, temos produtos compatibles e con mercados similares e ademais temos a mesma filosofía e maneira de entender o traballo no rural galego», sinala Juan Pablo.

Afirma que na súa estadía universitaria en Bélxica comezou a saber apreciar o valor da boa cervexa; e logo de traballar en Barcelona, onde comezou a elaboralas como afección para autoconsumo, pensou que tendo unha casa do seu avó no Castro de Fonfría, na Fonsagrada, podía dedicarse dun xeito máis profesional, e así desde hai dous anos elabora Píntega.

El define esta cervexa como sinxela e simple:«Non vou aos extremos, a sabores fortes, que agora están de moda, senón que pretendo unha bebida de uso máis continuo». O seu obxectivo é producir uns 12.000 litros ao ano. Polo momento está a vender nos bares e tendas da comarca, incluídos os núcleos turísticos de Asturias que limitan a Galicia, así como nas feiras.

Tamén quere chegar ás tendas especializadas das capitais. E aí é onde pode funcionar tamén a maridaxe con Ribeiregas, unha cooperativa fundada no 2011 e que con paciencia e tesón foi capaz de botar a andar as súas conservas vexetais, elaboradas con respecto ao medio. Encárganse da semente, plantación e fabricación, sen empregar en ningún intre produtos químicos, de salsas, patés vexetais e zumes. No seu obradoiro de Ermes imparten charlas e tamén ofrecen a maquila para elaborar zumes de froitas, especialmente de mazás. «Hai xente que ten a froita botada a perder e nós colaboramos con eles a que podan facer e envasar os seus zumes», explica Dora. Ribeiregas vende na comarca e en Asturias, pero tamén acoden ao Mercado da Terra de Lugo e aos mercados de Ribadeo e Foz. Agora Píntega e Ribeiregas unen forzas para amosar que da montaña poden saír proxectos de futuro, respectuosos co medio e de calidade.