Maquinaria pesada destrúe tres mámoas catalogadas pola Xunta

xabier moure LUGO

A FONSAGRADA

PATRIMONIO DOS ANCARES

Foron arrasadas en A Campa das Penas, entre Navia de Suarna e A Fonsagrada

11 ago 2018 . Actualizado a las 18:26 h.

Despois da satisfacción pola localización de 2 novos petróglifos na comarca dos Ancares a pasada semana, hoxe temos que lamentar a destrución de tres mámoas entre os concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada.

Debido ao acondicionamento dun monte con maquinaria pesada para a plantación de eucaliptos, foron destruídas dúas mámoas da necrópole megalítica da Campa das Penas, entre os concellos de Navia de Suarna e A Fonsagrada, situada a carón da estrada provincial DP-0708 que vai do Alto do Restelo a Louxas.

Esta necrópole de máis de 5.000 anos de antigüidade formábana 10 mámoas, todas incluídas no Inventario de Bens Culturais de Galicia. Hai bastantes anos, cando a ampliación da estrada, 4 foran afectadas, perdendo parte do túmulo. Aquí tamén se atopa o único dolmen completo da comarca dos Ancares. É o coñecido como dolmen de Ferreirúas, estudado hai máis de corenta anos polo eminente investigador, teólogo e profesor don Enrique López Fernández, natural de Vilabol de Suarna (A Fonsagrada).

PATRIMONIO DOS ANCARES

Pois ben, a poucos metros deste dolmen, os do Colectivo Patrimonio dos Ancares vimos de comprobar a destrución de dúas mámoas. Trátase das catalogadas cos números 6 (código no catálogo GA27018005) e 7 (código GA2718006). A utilización de maquinaria pesada para o acondicionamento do terreo e a posterior plantación de eucaliptos arrasou na súa totalidade a mámoa número 7, non quedando nada dela. A número 6 non tivo mellor sorte e as máquinas arrincaron e desprazaron os esteos da cámara megalítica, ademais de destruír o túmulo que a cubría.

Non moi lonxe, a carón da mesma estrada, na coñecida como necrópole de Peredelo, formada por tres mámoas, un dos enterramentos, o número 1 (código no catálogo GA27018007), achandárono para facer un silo para o depósito de plásticos agrícolas onde, ademais dos plásticos, vense latas de aceite, colchóns, rodas de tractor, etc.

PATRIMONIO DOS ANCARES

Polos gravísimos atentados contra bens patrimoniais protexidos, dende o noso colectivo vimos de presentar senllas denuncias diante da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural en Santiago e o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo para que investiguen os feitos e procedan a incoar os correspondentes expedientes sancionadores aos responsables aos que non deben ter problema en identificar, solicitándolle que consideren isto como falta moi grave o que conlevaría unha elevada sanción. Tamén lle pedimos que nos informen si para efectuar os traballos con maquinaria pesada se solicitou permiso previo, obrigatorio cando se vai actuar na área de protección dun ben protexido (200 metros), pero que nunca poden afectar ao ben en si.

Por desgraza, a pesares das rimbombantes leis que supostamente o protexen, sabemos que non todo o patrimonio é medido polo mesmo raseiro, e iso acabámolo de comprobar coa lamentable agresión a unha imaxe da porta de Praterías da catedral de Santiago onde ás poucas horas xa se puxeran todos os medios para tentar localizar ao agresor e limpar a imaxe, ademais das múltiples condenas lanzadas dende todos os ámbitos (culturais, políticos, medios de comunicación, etc.). Sabemos tamén que por unhas «humildes» mámoas ninguén se vai a escandalizar, mesmo os expedientes que se abran para clarexar os feitos serán máis que lentos.

Mostra disto témolo (por poñer só un exemplo, pero temos máis) nunha mámoa destruída no mes de setembro de 2017 no parque empresarial de Friol. Aínda que presentamos a denuncia aos poucos días, dende a Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural contestáronnos esta semana, despois de solicitarlle hai pouco en que fase se atopaba o expediente sancionador. Tamén nos preguntamos cal sería a reacción das autoridades se dentro da catedral de Lugo ou por riba da muralla romana fixeran un silo para plásticos e tamén depositaran nel rodas e colchóns.