O lucense Efraím Díaz estrea a primeira obra composta para pito pastoril

O profesor da Escola Municipal de Música de Lugo é un gran impulsor deste instrumento tradicional


O músico lucense Efraím Díaz estreará a primeira obra composta para pito pastoril. O concerto terá lugar mañá ás 12.15 horas no Palacio da Ópera da Coruña, coa obra O bosque do asubiador, de Juan Durán. Na actuación participará tamén a Banda Sinfónica Municipal da Coruña, dirixida por Andrés Valero-Castells.

A obra é un concertino para pito galego e Banda de Música, «un fito na historia da música galega que explora as posibilidades do instrumento». O instrumento usado para a estrea será un pito pastoril Alto de Sol, construído por Miguel Mosquera.

Efraím Díaz (Lugo, 1980), profesor da Escola Municipal de Música do Concello de Lugo, leva anos dedicado ao estudo e divulgación do pito pastoril galego, un instrumento tradicional, similar á frauta de bico barroca, que estivo a piques de desaparecer.

O pito foi un instrumento de pasatempo pastoril, mais «pouco a pouco foi acadando unha perfección que lle confire dúas octavas cromáticas, ideal para tocar el só, acompañando a voz, con percusión, zanfonas, requintas ou mesmo con gaitas», segundo explica o músico lucense. Unha das funcións primixenias do pito foi a de actuar como instrumento de estudo previo á gaita. Antigamente, fabricábanse de sabugueiro ou de cana.

Hai dous anos e medio, Díaz presentou un disco, Pito galego, para demostrar as posibilidades do instrumento, con 19 temas de diferentes estilos musicais.

Escola Municipal de Lugo

Pola súa banda, a Escola Municipal de Música do Concello de Lugo é o único centro musical de Galicia que actualmente está a impartir a materia instrumental de pito pastoril galego, e conta co Grupo Didáctico de Pito Pastoril.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

O lucense Efraím Díaz estrea a primeira obra composta para pito pastoril