Unha foliada enxalza A Fonsagrada como «terra de gaiteiros»

A FONSAGRADA

FOTO MANUEL

Bieito e Alba Romero presentan un adianto do documental «Emilio do Pando, unha lenda viva»

07 dic 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fonsagrada recrearase este sábado na súa esencia como «terra de gaiteiros». E farao cunha gran foliada, unha festa na que tomarán parte músicos de toda Galicia e que este ano estará dedicada a homenaxear ao recentemente falecido Emilio Pérez Álvarez, coñecido como Emilio do Pando, o mestre fonsagradino da trompa.

A iniciativa partiu dun grupo de mozos da Fonsagrada -que habitualmente residen fóra do municipio, pero que continúan moi vinculados a el- moi implicados coa música tradicional, ben sexa a través do baile ou da gaita. «Pensamos que, sobre todo no Nadal, A Fonsagrada debería ter máis movemento; e, sendo terra de gaiteiros, que mellor ca unha foliada», explica un dos organizadores, Adrián Méndez. Xunto a el traballan na organización Manuel Fernández, Jorge Álvarez, Víctor Argul, Marta Álvarez, Jenny Baamonde, Miguel Méndez, Javier Freijo, Alejandro Gromaz, Lara Arias, Adrián López e Lucía Rico.

Documental inédito

A deste sábado será a terceira edición, e contan cun amplo programa de actividades. Ademais, a partir de agora teñen pensado dedicar cada ano a un gaiteiro. Nesta ocasión, o homenaxeado será Emilio do Pando, todo un referente no mundo da música tradicional galega. Para elo, Bieito e Alba Romero -fillos do músico de Luar na Lubre Bieito Romero, que tamén acudirá á homenaxe- presentarán por primeira vez un adianto do documental que están preparando, Emilio do Pando, unha lenda viva. Será ás 17.00 horas no salón de actos (Os Chaos) da Fonsagrada.

Outra das novidades deste ano será o concerto didáctico e interactivo para os nenos a cargo de Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero, a partir das 18.00 horas.

Cantos de taberna

Por outra banda, ás 19.30 horas comezarán os Cantos de Taberna, iniciativa na que participarán máis dunha ducia de agrupacións tradicionais: Dequenvessendo (A Coruña), Os fedellos da Ulloa (Palas de Rei), En faldas y a lo loco (Ribadeo), A.C. Xirandela (Madrid), Azorriskalle (Oleiros), @s Pantox@s (A Coruña), Son de Lugh (Lugo), Os do 13 (Lugo), Antaruxas e Sorteiros (A Fonsagrada), Reviravolta (O Pino), Brincadeiras (Castroverde), A sona de Berghantiños (Berghantiños) e Fiadeira (Antas de Ulla).

Tributo a un referente da música tradicional

Emilio Pérez Álvarez, Emilio do Pando, (A Fonsagrada, 1932-2017), é un referente da música tradicional, de aí que sexa o homenaxeado este ano, segundo explica Adrián Méndez. Tratábase dun home polifacético: foi xastre, adestrador do Fonsagrada F.C., carteiro, gran colaborador do Museo Etnográfico da Fonsagrada, fundador de Antaruxas e Sorteiros e tocaba a gaita, a trompa e o birimbao.

 

11.00-19.00h.

Feira de Artesanía. Concello Vello.

12.00-14.30h.

Pasabares amenizado por A Sona de Berghantiños e De Ningures.

16.00-17.00h.

Taller de baile tradicional con Lis Latas. Praza da Igrexa.

17.00-18.00h.

Adianto documental: «Emilio do Pando, unha lenda viva». Salón de actos (Os Chaos).

18.00-19.15h.

Concerto interactivo con Suso Vaamonde e Xosé Lois Romero. Praza da Igrexa.

19.30-22.00h.

Cantos de Taberna.

22.15h.

Gran Foliada: ábrena os «vellos gaiteiros». Praza Igrexa.

00.30h.

Concerto de Os Carunchos. Praza da Igrexa.

* Haberá carpa climatizada na Praza da Igrexa