No centenario da morte de Jesús Rodríguez López

adolfo de abel vilela LUGO

A FONSAGRADA

24 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O 24 de marzo de 1917, falecía en Lugo aos 58 anos, o soado médico cirurxián, escritor e poeta, Jesús Rodríguez López, coñecido popularmente como Gambetta polo seu parecido co parlamentario francés Léon Michel Gambetta. Ese día a cidade perdía non só a un bo profesional da pediatría, senón tamén a un divulgador de temas sobre a saúde e a un dos seus veciños máis singulares coñecido polas súas actividades literarias, tanto en castelán como en galego, formando parte daquela corrente de literatos e poetas que deron lugar ao Rexurdimento. Foi un dos participantes na elaboración do Regulamento da Real Academia Galega e un dos primeiros corenta académicos de número.

Naceu no número 22 da Rúa da Tinería o 28 de xullo de 1859. Era fillo dun xastre, é dicir, dun menestral, dese extracto social que hoxe chamariamos clase media traballadora, chamado Ramón Rodríguez, natural de San Ciprián da Viz, en Terra de Lemos, e de María Juana López Mourenza de San Mamed de Lousada.

Nesa época Lugo era unha cidade moi rural que empezaba a desenvolverse en todas as ordes, no urbanístico, no social e no cultural. O seu motor económico era a feira de gando mensual, que se celebraba nos campos de San Pedro e de San Roque, e a feira anual de outubro, coñecida primeiro como de San Francisco por comezar o día 4, e logo de San Froilán. Aínda non había festas, haberá que esperar ao seu tímido inicio en 1876. O primeiro tren non chegou ata 1875 e a vida urbana rexíase polo reloxo da catedral, o único que había público desde 1577. Tampouco había xornais, nin luz eléctrica, os mesóns anunciábanse cun ramo colgado na porta e de cando en vez aínda se vían os porcos polas rúas onde se criaban desde tempo inmemorial.