O Ferreiro da Puebla, un referente para A Fonsagrada

Este buronés foi un dos primeiros que axudou a mecanizar o campo fonsagradino

José Fernández Villaverde empezou traballando na Fonsagrada nunha fragua prestada.
José Fernández Villaverde empezou traballando na Fonsagrada nunha fragua prestada.

a fonsagrada

José Fernández Villaverde, O Ferreiro da Puebla, chegou á Fonsagrada desde A Pobra de Burón nuns anos en que neste país só había miseria, atraso e desmoralización. Con xuventude e ganas de comer o mundo, empezou traballando nunha fragua prestada, moldeando as duras ferraxes que ían ser a súa profesión durante a longa actividade profesional que percorreu.

O traslado da forxa desde o pico da Vila ata o Campo da Feira foi coincidente no tempo coa apertura da emigración cara a Europa e co incipiente desenvolvemento do rural, no que, coma noutros tantos eidos, el tamén tomou partido. Os adolescentes que entón viviamos ao seu carón, ollabamos a un home traballador, honesto, servicial e ensinante do seu saber.

Maquinaria agrícola

Foi José Fernández Villaverde un dos primeiros que axudou a mecanizar o campo fonsagradino, primeiro con aparellos movidos por animais e logo coa recentemente chegada maquinaria agrícola.

Este infatigable buronés traballaba sen desmaio ata altas horas da madrugada arranxando os apeiros para que os labregos puideran comezar a xornada do seguinte día con normalidade.

Coñecido por todos coma O Ferreiro da Puebla, amosou sempre un compromiso na defensa dos intereses de todos, sen máis contraprestación que algún rifirrafe cos que defendían o indefendible.

Xunto a outros grandes homes desa xeración, coma foron Edelmiro Pardo, Jesús de Froilán, Benjamín Valledor, Ramón Ortiz, Amadeo de Mesón... pasará a historia sendo un referente en esforzo, palabra, sacrificio, e honestidade, principios que os moradores da comarca Fonsagradina levan nos xenes.

Villaverde nunca fuxiu da súa procedencia humilde, nin escatimou esforzos en axudar a quen o precisaba. Xamais ninguén o dobregou, somentes unha enfermidade fai que ás veces esqueza que pertence por dereito propio ao álbum de honra onde estarán sempre os «Grandes da Fonsagrada».

Votación
2 votos
Comentarios

O Ferreiro da Puebla, un referente para A Fonsagrada