Forges recolleu con orgullo o Butelo de Ouro da Fonsagrada

L.R. LUGO / LA VOZ

A FONSAGRADA

foto manuel

O escritor e humorista gráfico explicou que leva toda a vida "loitando" para que se coñeza o embutido típido da montaña de Lugo

13 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aínda que naceu moi lonxe da montaña lucense, no Madrid de 1942, Antonio Fraguas de Pablo, Forges, síntese fonsagradino dos pés a cabeza. Así o manifestou onte o escritor e humorista gráfico durante o acto no que recibiu o «Butelo de Ouro» da Fonsagrada, que recoñece o seu labor en favor do municipio, e no que estivo rodeado por un bo número de familiares e amigos, ademais de numerosos membros da corporación municipal. Nel explicou que leva toda a vida «loitando» para que se coñezan as bondades deste embutido tradicional e a xente «se entere» de que existe. Segundo dixo, durante a etapa na que traballou en TVE chegou a empapelar a redacción con papeis nos que se podía ler «Es butelo, no botillo», en alusión a denominación que recibe un derivado cárnico parecido noutros lugares do país. Ata acabou convencendo a Luis del Olmo, segundo dixo, de o emblema da Fonsagrada é o butelo. Tamén atribuíu o seu humor á «xenética fonsagradina», logo de resaltar que se suba por onde se suba, tanto desde Vegadeo, como desde Asturias ou desde Lugo, «parece que é unha vila que está flotando». 

Dicharacheiros e ocorrentes

A luz, a proximidade ás nubes e o osíxeno fan que os habitantes deste recuncho galego sexan dicharacheiros e ocorrentes, destacou, antes de asegurar que cada vez que vai de visita sempre marcha coas pilas cargadas. O homenaxeado leva varios días descansando na vila onde naceu seu pai, o escritor e xornalista Antonio Fraguas Saavedra (A Fonsagrada, 1905-Madrid, 1983), quen era coñecido como «O nenón». Acompáñano nestas curtas vacacións a súa muller, os seus fillos e varios netos, aos que lles inculca o amor pola Fonsagrada. De aí que se ofrecese a seguir sendo «embaixador» da vila alá onde vaia. 

Despois de dar un paseo por varias rúas, o acto acabou cunha comida no restaurante Cantábrico. A entrega do primeiro Butelo de Ouro tivo lugar en febreiro, durante a Feira do Butelo, pero Forges non puido acudir por motivos persoais. O outro galardoado foi o presidente de Filmax, Julio Fernández.

Veciños, asociacións e autoridades municipais levan tempo intentando que Forges conte cun museo na Fonsagrada no que se recolla unha mostra dos seus traballos.