A reserva galega de mouchos

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

A FONSAGRADA

A provincia concentra o 43,5% da poboación destas aves na comunidade

22 mar 2011 . Actualizado a las 14:25 h.

Na provincia de Lugo vive o 43,5% das parellas nidificantes de mouchos que habitan o territorio galego, segundo os datos que manexa a Sociedade Galega de Ornitoloxía (SGO), o que convirte o territorio lucense na principal reserva destas aves no noroeste. A SGO declarou o 2011 como Ano do Moucho por considerar que a especie «pode ser un bo indicador do estado de conservación do hábitat agrario e a sua biodiversidade asociada» e para chamar a atención sobre as ameazas que sufre a fauna ligada a estes espazos.

Co mesmo motivo, a referida entidade e o Grupo Naturalista Hábitar celebran estes días -desde onte ata o domingo- a Semana Galega do Moucho, unha iniciativa aberta ao público que se propón actualizar os coñecementos sobre estas rapaces nocturnas. Ambos colectivos fixeron un chamamento para que todas as persoas interesadas colaboren rexistrando avistamentos de mouchos, o que poden facer coa axuda dun formulario que a SGO facilita na súa web, no enderezo Sgosgo.org.

Con esta convocatoria espérase contribuír a pór ao día os datos sobre as poboacións galegas de mouchos, xa que as estatísticas actuais baséanse en estudos realizados xa hai varios anos.

O chamamento diríxese en especial aos veciños do sur lucense e das áreas occidental e oriental de Ourense, que son as zonas de Galicia menos frecuentadas polos grupos ornitolóxicos. Esta circunstancia contrasta co feito de que a zona meridional da provincia posúa importantes colonias de mouchos. De feito, unha das dúas maiores densidades de poboación rexistradas na comunidade está no municipio de Quiroga. A outra sitúase nunha zona repartida entre os municipios da Fonsagrada e Baleira. A especie, non obstante, está praticamente ausente nas zonas montañosas, como as serras do Courel, Os Ancares e O Xistral.