Unha mirada analóxica aos primeiros 25 anos deste milenio en Lugo: «É sorprendente ver como cambiou todo. Hoxe sería impensable a rea de bolseiros por todo Ramón Ferreiro no San Froilán»
LUGO
O fotógrafo taboadés Xosé Manuel Otero presenta o seu novo libro, «Lugo terceiro milenio», con máis de 300 instantáneas que documentan un momento histórico a través de escenas de vida cotiá, tradicións, festas, personaxes ilustres e grandes mobilizacións sociais
28 sep 2026 . Actualizado a las 11:43 h.Os primeiros 25 anos deste terceiro milenio, a través do obxectivo dunha cámara analóxica. Esa é a proposta do fotógrafo Xosé Manuel Otero (Taboada, 1958), que ofrece unha foto fixa deste primeiro cuarto de século en Galicia, especialmente, na provincia de Lugo. Unha recompilación das súas instantáneas queda plasmada no seu novo libro, Lugo terceiro milenio, que presenta este martes, día 29, ás 19.30 horas no salón de actos do Pazo de San Marcos de Lugo.
O fotolibro inclúe máis de 300 imaxes que dan forma á memoria visual da provincia, a modo de crónica social e testemuño documental. A obra está estruturada nunha ducia de capítulos, presentados polo escritor Toño Núñez, e conta cun limiar da fotógrafa sarriá Mercedes Vázquez Saavedra. No acto do martes intervirán, ademais do propio autor e fotógrafo; Toño Núñez e Mercedes Vázquez; e a deputada de Cultura, Iria Castro. A maiores, haberá acompañamento musical a cargo de ConVersoS.
Otero, que se iniciou na fotografía aos 14 anos cunha Werlisa Color, presenta en Lugo terceiro milenio a súa particular visión so mundo, na que documenta costumes, feiras, festas, mobilizacións sociais, cambios urbanísticos, personaxes ilustres... dun momento histórico clave.
—Como nace este libro?
—Aló polos anos 1999 e 2000 fun consciente de que estabamos vivindo un momento moi especial, empezando por que estabamos cambiando de século e de milenio. Así que empecei a recompilar imaxes da vida cotiá de Galicia. Fixen moitas viaxes por Galicia enteira, documentando romaxes, ritos, festas, feiras... Prestando especial atención a Lugo e á Ribeira Sacra, polos lazos que me unen. Todo iso había que pechalo dalgunha forma, e co gallo do cuarto de século e de milenio, pensei que era o momento de facelo.
—Que temática presentan as imaxes?
—Ando desde hai 30 ou 40 anos sempre cunha cámara no peto. Ademais, o meu traballo é sempre en branco e negro e analóxico, aínda que no libro meto algunhas imaxes en cor. E nas fotografías quedan documentados momentos moi variados: cando se fixo a Horta do Seminario, cando se montou a fonte da Praza de Avilés, a Volta Ciclista a España que pasou por Lugo cunha caída xeral xunto á Muralla... Son escenas da vida cotiá. Tamén recollo tradicións que se foron perdendo: matanzas, escenas do mar, bolseiros do San Froilán... Xente que xa non está, como Darío Xohán Cabana, Xosé Neira Vilas ou Isidro Novo... E acontecementos sociais destes últimos 25 anos: mobilizacións por Altri, Nunca Máis, Non á Guerra... A idea é que sexa unha foto fixa destes 25 anos na provincia de Lugo.
—Como evolucionou a sociedade lucense nestes últimos 25 anos?
—Cando ves as imaxes, a verdade é que te sorprendes dos cambios que houbo. Na cidade houbo moitos cambios nos costumes, e no campo foi terrible, por exemplo, en zonas de Ribeira Sacra ou do Vicedo porque o campo quedou totalmente abandonado, xa non se recoñecen nin as imaxes nin os útiles que se utilizaban daquela. No San Froilán, por exemplo, hoxe sería impensable a imaxe daquela rea de bolseiros por todo Ramón Ferreiro, e mesmo a decoración, que mudou de bombillas a leds.
—Por que elixe o analóxico?
—Cando chegou o dixital, eu xa estaba adaptado ao analóxico e sentíame a gusto con esta técnica. Non teño nada en contra do dixital nin da cor, solo que eu me especialicei en analóxico e no branco e negro. Ademais, teño o meu laboratorio e revelo eu, e ese proceso para min tamén é moi importante.